Finalmente comezou esta semana a segunda edición do Campamento Tecnolóxico de Verán da Tecnópole, un evento innovador que xunta o formato de xuntanzas tecnolóxicas coas actividades de lecer estivais e que vén da man do Parque Tecnolóxico de Galicia co apoio das empresas galegas R e Coremain. A actividade, que se desenvolve ata o 11 de xullo, acubilla xa a 40 rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos. Segundo nos conta a Tecnópole, este mércores amosarase ante a cidadanía en xeral o miolo dos seus obradoiros principais: haberá unha demostración de tecnoloxías a desenvolver nas aulas Tecnópole (primeiro andar do Edificio CEI). Máis en detalle, desenvolverase un concurso de foguetes, unha construción de sistemas holográficos caseiros, unha competición de pirámides de spaghetti e unha mostra de robots construídos con Lego Mindstorms.
En definitiva, amosarase o que están a dar de si os Tecnópole Technological Workshops (T2W), que forman parte do único campamento tecnolóxico de verán que se celebra na nosa terra.
A continuación, damos conta máis en detalle das liñas de traballo que se van expor:
· Concurso de foguetes: Os participantes nos Tecnópole Technological Workshops terán deseñado e construído os seus propios foguetes propulsados por auga e aire nun tempo límite de dúas horas e, unha vez rematados, poñeranos a proba nunha competición lanzándoos e medindo as distancias acadadas.
· Construción de sistemas holográficos caseiros: Os alumnos e alumnas amosarán como conseguiron converter as imaxes planas que vemos nos nosos móbiles en imaxes 3D que se moven e flotan no aire (a actividade acompáñase dun vídeo explicativo e clarificador).
· Competición de pirámides de spaghetti: Os participantes darán conta das pirámides que construíron co devandito alimento, empregando técnicas de triangulación, competindo por equipos para conseguir a máis alta.
· Mostra de robots construídos con LEGO Mindstorms: Expoñeranse robots construídos mediante pezas e mecanismos LEGO Mindstorms programados para realizar diferentes funcións de forma autónoma.
Os Campamentos Tecnolóxicos da Tecnópole están dirixidos non só a espertar a vocación científica e tecnolóxica da nosa mocidade, senón a afianzala e impulsala na medida do posible. Deste xeito, ao longo das diferentes actividades programadas as rapazas e os rapaces traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. “Para facelo posible”, explica a organización, “a formación incluirá nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc”.
Malia que as actividades do campamento estean preparadas en función das idades dos participantes, os obxectivos que se perseguen son comúns e consisten “no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade”. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese “potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, etc”.
Comeza o Campamento Tecnolóxico da Tecnópole entre obradoiros de foguetes e sistemas holográficos caseiros
Compartir Este Artigo
