A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, vén de lanzar por primeira vez a súa revista sobre medio ambiente e ecoloxía en edición dixital (dispoñible xa para a súa descarga en formato pdf). A idea de ADEGA é dar continuidade ás edicións impresas anteriores, pero adaptándose aos novos tempos e sobre todo ás esixencias da situación económica pola que unha boa parte das nosas organizacións sen arela de lucro están a pasar, unha situación de recursos limitados. Asemade, o que se busca é camiñar cara a unha meirande sustentabilidade no que se refire á edición futura da publicación.
O número que ADEGA vén de publicar, correspondente á edición 71, recolle aqueles artigos que desde comezos de ano fóronse actualizando no soporte web adega.info/revistacerna, creado para facilitar a consulta de todos os contidos da revista polo público xeral. Nesta edición, CERNA recompila un total de 15 artigos sobre a actualidade ambiental galega. “Un dos temas principais é o da xestión do lixo”, sinala ADEGA, que explica que “a raíz da suba da taxa de SOGAMA nun 34%, algúns concellos teñen enriba da mesa diferentes propostas, que se poden coñecer nestas páxinas”.
Outro tema que está de actualidade, engade a asociación, é o da enerxía. E explica: “A necesidade de atopar alternativas ao sistema eléctrico actual parece incitante, pese á perseveranza do goberno central de manter un modelo enerxético insostible, no que as renovables perden peso”. Na documentación que achega este primeiro número cen por cen dixital dáse conta da aparición, ligadas ao novo paradigma, das primeiras cooperativas galegas de enerxía verde, que coñeceremos nesta publicación.
ADEGA lanza a primeira edición da súa revista en soporte dixital
Compartir Este Artigo
