A falta de actualización do Internet Explorer en equipos cun deficiente mantemento é un grande problema, por supor un lastre para a evolución das tecnoloxías web, e Microsoft está a traballar en corrixir a situación, instando aos seus usuarios a manter o seu navegador web actualizado, para o que están a asesorar sobre as versións de Internet Explorer que deberían ter os distintos equipos segundo o sistema operativo que teñan, para poder facer un uso seguro dos seus sistemas e poder aproveitar as tecnoloxías na nube que cada vez teñen máis peso a nivel empresarial.
Dende Microsoft recomendan ter activadas as actualizacións automáticas dos seus sistemas para telos ao día, o que incluiría a renovación do Internet Explorer, especialmente porque os navegadores web vellos van deixar de recibir soporte, polo que o seu uso poder supor unha importante ameaza para a seguridade dos equipos informáticos.
Para facilitar a migración a novas versións de Internet Explorer, dan conta que para o 12 de xaneiro as combinacións de sistemas operativos e navegadores soportadas pola compañía de Redmond serán os seguintes:
– Windows Vista SP2 – Internet Explorer 9
– Windows Server 2008 SP2 – Internet Explorer 9
– Windows 7 SP1 – Internet Explorer 11
– Windows Server 2008 R2 SP1 – Internet Explorer 11
– Windows 8.1 – Internet Explorer 11
– Windows Server 2012 – Internet Explorer 10
– Windows Server 2012 R2 – Internet Explorer 11
Deste xeito, os usuarios que teñan Internet Explorer 8/9/10 baixo Windows 7 deberían ir programando a súa actualización a Internet Explorer 11, e o que si resulta evidente é que o Internet Explorer 8 ten os días contados, polo que os usuarios de tal navegador web deberían bulir para a súa actualización a un navegador máis moderno, tanto para poder acceder á Rede con seguridade como para poder gozar de aplicacións web modernas.
Microsoft recomenda empregar versións modernas de Internet Explorer
Compartir Este Artigo

