O Android Wear poderá cargarse sen fíosAínda que os smartwatches e Android Wear aínda non son algo que formen parte do noso día a día, parecen estar a avanzar a bo ritmo para chegar a tal situación, e durante os últimos días son varias as informacións que queren animar este mercado, como as imaxes filtradas do Moto 360, agardado reloxo conectado que resulta especialmente atractivo pola súa pantalla circular (que permítelle pasar por un reloxo ordinario) e que parece ser aínda máis atractivo ao confirmar as imaxes que contará cun sistema de carga Qi, de xeito que poderá cargarse a súa batería sen fíos, con só pousar o reloxo nunha base de carga. A carga sen fíos non só resulta moi cómoda para o día a día, á vez que elegante, senón que tamén evita a presenza dos pins de carga, que nalgún outro smartwatch chegan a causar irritación cutánea. A vista da parte traseira do Moto 360 tamén advirte de que o reloxo é de aceiro inoxidable, resistente á auga (IP67), con función de podómetro e cun pulsímetro óptico, polo que resulta bastante práctico como substituto dun medidor de actividade, á vez que achega notificacións dende o smartphone. As mensaxes de WhatsApp xa poden lerse integramente en dispositivos con Android WearNo que respecta ás notificacións tamén podemos dar conta de que nos últimos días lanzouse unha actualización de WhatsApp, que pode descargarse dende a súa páxina web, que entre as súas novidades inclúe soporte para Android Wear, de xeito que os usuarios dun LG G Watch ou dun Samsung Gear Live poden ler as mensaxes que reciban a través de WhatsApp de xeito completo (en vez dunha notificación truncada), permitindo tamén recibir varias notificacións seguidas para ir léndoas unha a unha, e incluso facilitará a posibilidade de responder mediante unha mensaxe de voz. Pero WhatsApp non é a única aplicación deste tipo que tamén soporta agora os reloxos de Google, senón que tamén o Facebook Messenger deu o salto, e a súa última versión permite ver as notificacións e responder directamente dende o reloxo mediante voz ou cun simple Gústame.