Non parece haber dúbidas en que parte do éxito da compañía chinesa Xiaomi vén da tolerancia que nos mercados asiáticos hai para a inspiración en produtos doutras empresas sempre que non leven a confusión que poida considerarse como falsificación, e aínda que xa teña consolidada a súa marca, non parece ter deixado atrás os seus vellos hábitos e, ao presentar a última versión de MIUI (a súa propia personalización de Android) podemos ver o que parece ser o plaxio máis descarado posible de iOS 7 (o sistema operativo dos iPhone actuais).
Ver así un móbil de Xiaomi con Android parece confundirse cun iPhone ou iPod Touch, xa que MIUI 6 presenta a mesma paleta de cores brillantes e un deseño plano, de xeito que dende o menú de inicio ou o de configuración ata aplicacións como a de compás ou a de cámara parecen estar copiadas directamente de dispositivos de Apple sen ningún pudor, o que sorprende agora que Xiaomi está a expandirse internacionalmente.
De todos os xeitos, MIUI segue a ser bastante distinto de iOS cando falamos de prestacións distintas á súa interface gráfica, como xestos para facer máis doado o control de dispositivos con grandes pantallas, un novo centro de notificacións, milleiros de temas para personalizar o aspecto do sistema e incluso axustes para mellorar o rendemento e a seguridade do móbil.
Polo momento MIUI 6 está dispoñible só para beta-testers, estando prevista a estrea da versión final no mes de outubro.
Vídeo de presentación de MIUI 6
A nova capa gráfica de Xiaomi plaxia descaradamente a iOS 7
Compartir Este Artigo

