
A compañía francesa vén de tomar a decisión de subir un novo chanzo na súa colaboración con CTAG (unha colaboración que vén de longo) e por esta razón encargoulle ao centro un proxecto que consiste na integración paulatina, nos seus vehículos, das tecnoloxías de condución automatizada do complexo tecnolóxico galego. Así o fixo saber oficialmente este mércores o director de Investigación e Innovación da compañía, Jean Marc Finot, xunto co director do centro de Vigo de PSA, Yann Martin, e o conselleiro de Economía e Industria, Fernando Conde. A nova foi dada a coñecer no marco dunha xornada de traballo en Porriño cos integrantes e responsables do CTAG, convocada para dar conta deste proxecto (Mobile Lab) e outras iniciativas xa en marcha.
Xa nun plano máis concreto, PSA Peugeot Citroën explicou que un dos ámbitos que máis quere fortalecer a empresa coa axuda do centro galego é o ámbito da interacción condutor-automóbil. Este eido de investigación coñécese como HMI (Human Machine Interface), e diríxese sobre todo a crear canles e recursos que sexan de uso extremadamente simple e sinxelo para as persoas e extremadamente comprensibles para as máquinas. Con isto, preténdese entre outras cousas que o troco de condución tradicional a automatizada sexa un troco doado de levar a cabo, así como o proceso contrario. Estas tecnoloxías, engadiu PSA Peugeot Citroën, teñen un gran potencial nos traxectos longos realizados por autoestradas, onde estaremos en disposición de deixarlle ao coche que faga o traballo de desprazarse por nós. Esta funcionalidade en concreto podería vir xa integrada nos vehículos do grupo PSA a partir de 2020, fixo saber Finot no CTAG.
Como dixemos, na xornada de traballo tamén participou o conselleiro de Economía, Fernando Conde, que salientou “o traballo que están a realizar os especialistas do CTAG, apoiados por varios laboratorios, un simulador e unha pista de probas que, destacou, pon a Galicia no grupo de vangarda das novas tecnoloxías do vehículo conectado e do vehículo autónomo”. E engadiu: “Esa é a dirección, resaltou, na que PSA Peugeot Citroën, CTAG o e a Xunta reforzarán aínda máis o seu traballo conxunto”.
PSA Peugeot Citroën e o CTAG integrarán nos vehículos tecnoloxías de condución automatizada
Compartir Este Artigo

