Para quen non o saiba, vai haber novos cambios en materia de Televisión Dixital Terrestre (TDT). En termos concretos, falamos dunha mudanza nas canles de televisión que se dirixe a ampliar a marxe para a telefonía móbil de cuarta xeración, a tecnoloxía 4G. Disto xa temos falado noutras ocasións e forma parte do proceso chamado dividendo dixital. En que nos vai beneficiar e prexudicar isto? Pois respecto dos beneficios, haberá para comezar máis e mellores comunicacións. Respecto dos prexuízos, tamén haberá. E algún digno de ser tido moi en conta. Por exemplo: teremos que adaptar as antenas ano novo mapa televisivo en tres meses. Os expertos sinalan que en materia de TV trátase do cambio máis importante acontecido no Estado dende o apagamento analóxico de 2010. Para ben e para mal.
Antes de xaneiro, un certo número de televisións públicas e privadas abandonarán os diais que usan arestora para trasladarse a outros e deixarlles espazo ás operadoras de telefonía móbil e as súas tecnoloxías 4G. O traslado implica que dez millóns de fogares en España terán que resintonizar os seus descodificadores de TDT, todo en tres meses e pico. Moitas voces, tanto dende as asociacións de usuarios como dende as empresas do sector, sinalan que o prazo é claramente insuficiente. Os consumidores denuncian que será a cidadanía, unha vez máis, quen pague a factura de procesos como adaptación das antenas (un fenómeno que en Andalucía afectará a máis de 200.000 instalacións comunitarias). As asociacións cidadás como FACUA sinalan que hai un gran descoñecemento sobre estes cambios, “non só técnico”, senón económico. Enrique Piñeiro, do gabinete xurídico da plataforma, di en Eldiario.es que “serán os usuarios os que paguen a resintonización das súas instalacións a través das comunidades de veciños”. Falamos aproximadamente de entre 20 e 25 euros por fogar.
Medran as críticas ante o custe e os prexuízos do novo cambio na TDT abeirado ao dividendo dixital
Compartir Este Artigo
