
Coma nas anteriores edicións do programa, farase un especial fincapé en mobilizar tamén ao profesorado e ás familias dos rapaces, buscándose a súa participación como mediadores e transmisores de boas prácticas TIC.
A quinta edición de Navega con Rumbo foi presentada polo conselleiro Xesús Vázquez e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que asinaron este martes 14 o protocolo de colaboración e desenvolvemento das actividades previstas. Sobre estas últimas, sinalar que levaranse a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración entre toda a comunidade educativa en 240 centros Abalar seleccionados (20 máis que na pasada edición), entre os cales terán prioridade aqueles que participan no proxecto de educación dixital E-Dixgal, posto en marcha este mesmo curso.
O programa estará apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG, dirixidas tanto ao alumnado coma ás familias e ao profesorado, que se poderán descargar en formato electrónico na web do programa, navegaconrumbo.es, web na que tamén estará a disposición da comunidade educativa xogos e ligazóns de interese sobre a temática do programa.
Segundo fixeron saber Vázquez e Suárez, a través de Navega con Rumbo realizáronse xa 650 accións noutros tantos centros educativos desde o curso 2010-2011.
Como dixemos, o eido de acción do programa é a comunidade escolar, facendo fincapé nos cativos e nos adolescentes e no xeito que teñen de actuar perante os nosos dispositivos tecnolóxicos e os novos servizos que lles achega o ámbito 2.0. O labor despregado polos membros do CPEIG ten especial importancia, e máis se temos en conta os datos presentados a comezos de setembro polo Valedor do Pobo e no que se certifica, entre outras cousas, que preto dun terzo dos rapaces contactaron con descoñecidos a través da Rede.
A quinta entrega de Navega con Rumbo inclúe accións formativas en 240 centros Abalar
Compartir Este Artigo
