A semana pasada a empresa galega Redegal estivo amosando a súa tecnoloxía avanzada no salón eShow de Madrid, tal e como avanzamos dende Código Cero adiantando algúns detalles da máis que completa axenda de actividades da nosa firma. Pois ben, a concorrencia de Redegal na devandita cita de profesionais do comercio electrónico (centos deles procedentes de toda España e da contorna europea), a décimo cuarta da serie, xirou tamén arredor do ecommerce e das potencialidades desta práctica de facer empresa a través do email, aínda que salientando as ferramentas concretas de seu para acadar canto máis crecemento e competitividade mellor. Nos seus relatorios, Redegal fixo fincapé en cuestións como a importancia de integrar o comercio electrónico cos sistemas de xestión propios da empresa co fin de acadar unha xestión correcta da información.
O salón eShow 2014 de Madrid, informa Redegal, serviu para dar a coñecer as últimas solucións e estratexias máis innovadoras no mundo en liña, pescudar a que tendencias nacionais e internacionais debemos estar atentos e gozar dun programa repleto de conferencias e foros de debate, “onde Redegal participou unha vez máis”. Máis polo miúdo, a firma galega tivo especial relevancia nunha nova área de actividade chamada The Internet of Things, destinada a relatorios e debates. Neste espazo, dous profesionais de Redegal (Gerardo Rodríguez e Raquel Fernández) tiveron ocasión de presentar os servizos máis innovadores da compañía galega “perante unha sala ateigada de profesionais interesados na integración de tendas online con ERPs e as melloras prácticas da canle móbil”.
Gerardo Rodríguez afondou na importancia de integrar o comercio electrónico cos sistemas de xestión da empresa (facendo un repaso polas vantaxes que isto supón, sobre todo a nivel de manexo axeitado do coñecemento propio da firma) e Raquel Fernández continuou cunha charla explicando os beneficios de realizar boas prácticas na canle móbil, enfocadas sobre todo a acelerar o retorno de investimento, incrementar o número de usuarios activos e manter no tempo tanto a clientes potenciais como reais.
Redegal, ademais de participar en Internet of Things, tamén formou parte doutra das actividades, One to One, unha xeira de traballo en rede destinada a manter reunións privadas dunha hora de duración entre marcas e expertos do sector. A organización do eShow desenvolveu estas xuntanzas nunha zona VIP do recinto, onde marcas e empresas acudiron “co interese de resolver claros obxectivos e inquietudes dentro do mundo dixital”, engaden fontes de Redegal, que explican que os resultados de participar nesta actividade “foron moi positivos, e axudaron a resolver as preocupacións e necesidades daquelas axencias que pediron reunirse connosco”.
Por certo que Redegal acudiu á feira (pavillón 6 de IFEMA) cunha caseta de dimensións superiores ás habituais, co obxectivo de poder atender á meirande cantidade de visitantes. O stand, sinala a compañía galega, foi unha materialización do espírito de Redegal e da súa visión sobre o comercio electrónico: ante todo un xeito cómodo de mercar e unha posibilidade certa de poder facelo dende casa.
Redegal seduciu aos profesionais reunidos no eShow de Madrid
Compartir Este Artigo
