Seguimos a falar das Xornadas de Automatización Industrial (JAI) previstas para comezos de novembro, logo de que o principal responsable das mesmas, o profesor Ignacio Armesto, nos puxera ao tanto esta semana dalgunhas das principais tecnoloxías a descubrir no marco dos encontros. Como ben nos sinalou Armesto, a sexta edición das xornadas (a desenvolver entre o 3 e o 7 de novembro) contarán con empresas internacionais pero tamén cos últimos achados de compañías e centros tecnolóxicos da nosa terra. Por exemplo o Proxecto Fisiorob, no que participa a firma galega Balidea e que consiste no desenvolvemento dun sistema robótico de asistencia na rehabilitación clínica.
No marco da iniciativa, Balidea é a responsable do desenvolvemento dunha ferramenta de realidade virtual e un sistema de xestión de datos hospitalarios que facilitan información sobre a evolución do paciente. O proxecto, engaden fontes da empresa con sede en Santiago, propón unha nova solución tecnolóxica no ámbito médico que se basea na robótica con contornas virtuais de rehabilitación, para o seu uso na recuperación da mobilidade das extremidades superiores de pacientes con necesidade de recuperación neuromotora.
Como dixemos, ao abeiro desta iniciativa Balidea leva a cabo o desenvolvemento dun sistema de realidade virtual cuxa función será “aumentar a motivación do paciente no desenvolvemento dos exercicios de rehabilitación, permitindo así un proceso de recuperación máis eficiente”. Este sistema inclúe unha plataforma de control que liga o entorno virtual co sistema robotizado funcionando como plataforma única. Outra das achegas da compañía está baseada nun sistema de xestión de datos hospitalarios, “que ofrece a posibilidade de recoller os resultados da terapia da rehabilitación co fin de analizar a evolución do paciente”.
Lembrar que para dar forma a estes traballos organizouse un consorcio de empresas liderado por EMTE, e no que se inclúen tamén POVISA e as empresas Aequs, Izmar, I3TE e Balidea, amais do centro tecnolóxico AIMEN, CIS Galicia e a Universidade de Vigo. O proxecto forma parte do programa FEDER-Innterconecta da Unión Europea para o pulo a proxectos de I+D, e está financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), o Ministerio de Economía e Competitividade, a Axencia Galega de Innovación e o Fondo Tecnolóxico.
As Xornadas de Automatización Industrial acollerán a presentación do proxecto Fisiorob, no que participa Balidea
Compartir Este Artigo
