Catro anos despois da chegada e despregamento da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e dos inevitables procesos de adaptación á nova tecnoloxía, os fogares galegos veñen de pasar por un novo proceso de adaptación. Falamos do Dividendo Dixital e da obrigada resintonización dos televisores que houbo que levar a cabo o pasado domingo. O Dividendo Dixital non é outra cousa que a liberación en toda España da banda de 800 Mhz, ata agora ocupada polas canles de televisión de TDT, para que estea dispoñible para o despregamento da cuarta xeración de telefonía móbil a partir xaneiro de 2015. Segundo nos contan dende o centro tecnolóxico Gradiant, este novo proceso de readaptación achegou un bo número de incógnitas. Por exemplo, os porqués de termos que resintonizar os aparellos de TDT logo de só catro anos convivindo con eles.
En palabras dos investigadores do centro galego, isto débese a que o espazo radioeléctrico non é infinito, e a televisión dixital ten que compartilo con outros servizos, como as redes de telefonía móbil (LTE). Segundo apuntan, nada mellor para entendérmolo que imaxinar unha partida de Tetris que comezamos deixando que as pezas caian afastadas entre si e sen que as vaiamos encaixando. “Segundo avance o xogo”, engaden, “teremos que ir encaixando as novas pezas que descendan como podamos, para non deixar que cheguen ata arriba, pero chegará un intre no que o espazo dispoñible na pantalla do xogo se esgote, porque xa non nos caberán máis pezas”. A solución é comezar outra partida na que si que vaiamos facendo encaixar dende o comezo os bloques e sen deixar ocos, “para maximizar o espazo dispoñible para as novos elementos que nos van caendo”.
Respecto ao intre elixido para afrontar o Dividendo, este outono de 2014, dende o centro galego apuntan a que isto débese en parte a que dende a Unión Europea déuselle a España ata o 31 de decembro para reordenar o seu espectro. Asemade, faise coincidir co cambio horario de inverno para poder darlles ás canles de televisión unha hora extra de madrugada para levar a cabo o cambio.
“Ademais”, engádese, “recolocar os servizos 4G vai permitir despregar este tipo de conexións móbiles por todo o territorio español”.
Gradiant tamén informa que non se albisca nin a breve, nin a medio nin a longo prazo un novo proceso de resintonización dos nosos televisores. Por outra banda, advirte de que é probable que ao longo das vindeiras semanas se dean situacións de interferencias coas redes 4G, “aínda que desde o Ministerio de Industria afirman que se darán poucos casos”, aclaran. E engade Gradiant. “En todo caso, estas interferencias terían unha solución bastante sinxela: instalar un filtro na antena colectiva acabaría cos problemas”. Ademais, por lei serían as empresas de telefonía móbil as que terían que asumir o custo destes filtros e da súa instalación.
Gradiant aclara dúbidas sobre os porqués de termos que resintonizar os aparellos de TV
Compartir Este Artigo
