A Universidade da Coruña ten entre mans un proxecto de virtualización de escritorios (VDI). Ou sexa: unha iniciativa para romper as barreiras físicas e virtuais dos equipos e deste xeito acadar meirandes taxas de rendibilidade, accesibilidade e eficiencia para todos eles. Trátase pois de integrar a UDC nas vantaxes da nube. En palabras da Universidade, o que se pretende con este proceso é substituír o PC de sobremesa tradicional por un escritorio virtual almacenado nun servidor central ao que poderán acceder os membros da comunidade universitaria (alumnado, profesorado e persoal da administración e dos servizos) dende calquera dispositivo e dende calquera lugar. A UDC explicará os detalles do proxecto nun congreso.
O proceso VDI no que está mergullada a Universidade da Coruña vai xerar un escenario “de acceso rápido e flexible aos datos e aplicacións de seu”, engaden fontes da institución educativa galega, que xa conta para avanzar nestes obxectivos cunha infraestrutura de virtualización de escritorios Windows, baseada en tecnoloxía VMware. Esta iniciativa foi presentada en varios eventos do sector, como o VMForum 2014 que tivo lugar en Madrid o pasado mes de maio.
Con todo, a infraestrutura de virtualización da UDC está a xerar novidades cada pouco, e máis salientable desta recta final de 2014 é a aplicación do proceso VDI aos usuarios de escritorios Linux, na liña de empregar ao máximo as posibilidades do software libre. A Universidade da Coruña conta arestora dun proxecto piloto en fase de probas “perfectamente implantado na infraestrutura corporativa”, informa a UDC. Este plan en desenvolvemento é froito da colaboración dos Servizos Informáticos e Comunicación da Universidade, SIC, e a Facultade de Informática, FIC, coa realización do Traballo de Fin de Grao de Xacobe Macía da Silva, dirixido por Antonio Daniel López Rivas, técnico dos SIC, e Francisco Javier Nóvoa de Manuel, profesor da FIC, e que conta coa colaboración da empresa española Qindel Group.
Todo este proceso no que está mergullada a institución galega xa xerou interese na comunidade tecnolóxico-docente española, é o caso da entidade interuniversitaria estatal RedIris, que para ampliar o seu coñecemento sobre os traballos da UDC convidou á institución galega a presentar o dito proxecto nunhas xornadas técnicas previstas para os días 25, 26 e 27 de novembro no Complexo Cultural San Francisco de Cáceres. O obxectivo destas xornadas, infórmase, é reunir cada ano aos participantes e a comunidade RedIris “para pór en común os proxectos tecnolóxicos máis destacados e novidosos do ano na comunidade universitaria española, intercambiar información, mellorar o contacto e coñecer a realidade das distintas institucións”.
A UDC amosará ante a comunidade tecnolóxico-docente o seu proceso de virtualizar escritorios
Compartir Este Artigo
