Dende Código Cero xa dabamos conta da cita que terá lugar no Auditorio do Palacio de Congresos Mar de Vigo os vindeiros 25 e 26 de novembro. Estamos a referirnos á terceira edición das Xornadas Técnicas Galegas, centradas desta volta nas Cidades e Comunidades Intelixentes (Smart Cities & Communities), organizadas e impulsadas polo Concello de Vigo, a Axencia da Enerxía de Vigo (FAIMEVI), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros de Galicia (ICOIIG), o centro tecnolóxico coruñés CITIC ou o Cluster TIC Galicia. Alí atoparanse profesionais das TIC e da eAdministración para afondar en cuestións como o potencial e posibilidades das urbes conectadas do futuro.
E a quen pode interesar esta xuntanza? Pois de xeito principal está encamiñada a profesionais do sector, expertos de recoñecido prestixio, empresas líderes a nivel estatal e administradores municipais, nos que se debaterá e profundará de maneira integradora diferentes aspectos relacionados coas novas tecnoloxías no eido das Cidades Intelixentes (Smart Cities), a xestión intelixente dos recursos e a transformación urbana que isto significa. Para aqueles interesados en asistir como visitante profesional cómpre dicir que o prazo de inscrición xa se atopa aberto. Para os asociados a cota de inscrición con desconto é de 50,00 €/persoa (IVE incluído) que dá dereito a:
· Asistencia a todas as sesións (conferencias e relatorios), café e xantar no lugar de celebración das xornadas (dous días), e desconto dun 20% na tarifa do aparcamento do auditorio.
· Recibir a documentación en formato electrónico, acreditación, portadocumentos, bolígrafo, cartafois e certificado de asistencia.
Para asistir é preciso encher un formulario de inscrición. Engadir que o prazo de inscrición fica pechado dende o 7 de novembro. A partir desta data a organización non garante a entrega do material, tampouco será aplicable o desconto. Para máis información pódese visitar a web do evento, onde aparece o programa.
As Xornadas Técnicas Galegas analizarán nesta terceira edición as Cidades Intelixentes
Compartir Este Artigo
