A partir deste mércores 12 de novembro ábrese o prazo para solicitarmos as axudas que o Goberno central aprobou o pasado 31 de outubro para subvencionar as adaptacións en instalacións de antenas colectivas derivadas do proceso de liberación do Dividendo Dixital (a liberación en toda España da banda de 800 Mhz, ata agora ocupada polas canles de televisión de TDT, para que estea dispoñible para o despregamento da cuarta xeración de telefonía móbil a partir xaneiro de 2015). Segundo informa o Goberno, o período de solicitude de axudas abrangue as actuacións realizadas dende xuño de 2014 ata xuño de 2015. As subvencións comezarán a desembolsarse a partir do 1 de xaneiro.
Poden beneficiarse destas achegas as comunidades de propietarios suxeitas ao réxime de propiedade horizontal, que conten nos seus edificios con instalacións de antenas colectivas de recepción de televisión con central programable ou amplificadores monocanle. O Goberno aclara ao fío do devandito que só son “susceptibles de axudas aquelas actuacións derivadas do proceso do Dividendo Dixital que inclúen os cambios de amplificadores monocanle ou a reprogramación de centrais programables”. Ademais, unicamente poderá solicitarse unha subvención por cada comunidade de propietarios, aínda que poderá abranguer o financiamento das actuacións nun máximo de tres cabeceiras da mesma comunidade. Todas as solicitudes deberán realizarse vía telemática a través da plataforma en liña ayudas.televisiondigital.gob.es, que o Ministerio de Industria habilitou coa devandita finalidade e que, a partir de mañá, permitirá a tramitación de solicitudes. A atención ás solicitudes realizarase por orde de presentación no sistema electrónico de xestión. A partir do 1 de xaneiro de 2015, nun prazo máximo de 3 meses a contar desde a presentación da mesma, resolveranse as peticións presentadas.
Os importes máximos establecidos polo Ministerio de Industria son o resultado dunha consulta pública realizada entre axentes do sector e autorizados pola Comisión Europea. As vivendas poden amosar tres tipos de instalacións de recepción de televisión: amplificador de banda larga, central programable e amplificadores monocanle. Se a vivenda é unifamiliar e dispón de antena individual ou está nun edificio de pequeno tamaño non será preciso realizar ningunha adaptación da antena. “Estas edificacións”, informa o Ministerio, “dispoñen de amplificadores de banda larga e non está contemplada ningunha subvención dado que a única actuación necesaria para continuar recibindo todas as canles é realizar unha resintonización a través do mando do televisor”.
No caso de vivendas de tamaño medio que adoitan dispor de sistemas baseados en centrais programables, requiren a actuación dun instalador rexistrado pero non da instalación de equipamento adicional, o importe máximo da axuda prevista é de 100 euros.
No caso de edificios de gran tamaño que dispoñen de sistemas baseados en amplificadores monocanles, no que se precisa a actuación dun instalador rexistrado así como equipamento adicional, o importe máximo varía entre os 150 euros e os 550 euros, dependendo do número de múltiples afectados.
Ábrese este mércores o prazo para solicitarmos as axudas para a adaptación das antenas colectivas
Compartir Este Artigo
