A tecnoloxía non só nos pon máis ollos para gozar da natureza e protexela, senón que tamén nos axuda a saber onde está cada elemento da paisaxe. Pero hai máis: abren novas portas para o desenvolvemento local sustentable baseado no turismo e, tamén, poden pórlle freo ao despoboamento. Falar de todo isto e máis é un dos obxectivos da xornada que se celebra este mércores en Pontedeume da man da Universidade de Santiago, inserida dentro dos encontros divulgativos A conservación do medio natural, tarefa común.
O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Javier López González e Beatriz Guimarey Fernández, técnico do Sistema de Información Territorial (SIT) da USC, serán os relatores encargados de abordar esta temática nunha dobre sesión, unha matinal dirixida a estudantes de ensino secundario e outra aberta ao público en xeral, que se celebrará en quenda de tarde no Centro Municipal de Maiores de Pontedeume.
A sesión matinal, orientada aos estudantes e ao persoal dos IES Fragas do Eume e IES Breamo de Pontedeume, desenvolverase a partir das 12.30 horas no salón de actos deste último centro educativo. Xa en quenda de tarde, o Centro Municipal de Maiores de Pontedeume, acubillará, a partir das 19.30 horas, unha sesión aberta ao público en xeral e que contará como relatores cos mesmos protagonistas. O filólogo Miguel Seoane será o encargado de moderar as dúas sesións.
As xornadas nas que se insire o encontro de hoxe están organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. Este ciclo, que comezou a súa andaina o 24 de setembro percorrerá por 20 concellos galegos nos que, dun ou doutro xeito, deixou a súa pegada o Camiño de Santiago.
Pontedeume acolle hoxe unha xornada sobre a paisaxe e as tecnoloxías que nola descobren
Compartir Este Artigo
