A empresa galega Desoños, responsable de cousas como a premiada web da cooperativa Delagro ou o videoxogo que servía en bandexa un percorrido pola historia de Vigo, informounos os días pasados dun novo e importante recoñecemento que sumar á unha listaxe de distincións ao seu labor que xa de por si semella ser completa. Así, os responsables deste equipo especializado en identidade corporativa veñen de recibir o premio á Mellor Creatividade Web nos galardóns Luxury Advertising Adwards. O motivo deste recoñecemento? Pois nin máis nin menos que a páxina web desenvolvida para Pesavento, a multinacional italiana do eido da xoiería.
Os Luxury Advertising Adwards son, como o seu nome indica, uns galardóns dirixidos a pór de relevo os traballos máis significativos do ano en materia de publicidade para artigos de luxo. Os premios da edición 2014 do certame entregáronse en Marbella este venres 14 de novembro.
Segundo conta Carlos Fernández, xerente de Desoños, ao fío do devandito premio, “o recoñecemento ao traballo ben feito témolo sempre por parte dos nosos clientes, pero agradécese que tamén se valore a través de premios que nos sitúan entre os mellores do noso sector”. E engade: “Obter o recoñecemento público é moi importante para nós, xa que nos anima a mellorar, a medrar e a crear con máis ilusión, se cabe, que o primeiro día”.
Sobre Desoños
Desoños é un estudo galego de deseño e comunicación que conta con varios departamentos encargados de levar a cabo actividades de identidade corporativa, gráfica aplicada, deseño multimedia, programación, estratexia, planificación, mercadotecnia, publicidade, deseño de espazos e exposicións. A firma naceu en 2003 con tres socios e arestora conta cun equipo de 7 profesionais.
Desde 2005 e sen interrupción os proxectos de Desoños están incluídos na prestixiosa publicación Web Desing Index, un índice publicado pola editorial holandesa The Pepin Press que recolle as mellores 1.000 webs do ano. Como dixemos ao comezo, o estudo galego tamén foi galardoado co premio Smile Festival 2013 do Festival Europeo da Publicidade e o Humor polo deseño da web www.delagro.com.
