Hai cousas que non vemos e están aí. Entre as moitas cousas que os nosos ollos non perciben de boas primeiras está a calor que emitimos, unha especie de contorna invisible ao noso arredor que nos precede e que outras persoas poden sentir, iso si, a través do tacto. Estamos a falar dun concepto chamado imaxe térmica, non estritamente unha novidade (xa o vimos presente no filme Depredador, onde Arnold Schwarzenegger mantiña unha tirapuxa cun extraterrestre que tiña a capacidade de ver esa imaxe térmica e localizar as súas vítimas). Dun tempo a esta parte, esta pegada de calor úsase moito no sector da seguridade. Segundo apunta o Centro Tecnolóxico Gradiant, a imaxe térmica fornece “unha gran vantaxe”, xa que as cámaras que a detectan poden facelo a unha distancia de máis de 20 quilómetros, en total escuridade. Gradiant, por certo, está a traballar neste eido a través da súa Área Multimodal.
Segundo engade o centro vigués poñéndonos en materia, todo obxecto que ten unha temperatura superior ao cero absoluto (-273.15 graos centígrados) e polo tanto emite radiación na rexión do infravermello. “Os humanos non somos quen de ver esa radiación, pero si sentila coa nosa pel”, explica o investigador Ícaro Álvarez, que nos lembra algunhas das ferramentas desenvolvidas para ir alén destes “límites impostos pola natureza”. Por exemplo unha cámara termográfica, que é nunha ferramenta coa capacidade de facer visible o invisible. Ou sexa, de permitirnos apreciar a calor que desprendemos a partir das emisións de infravermellos detectadas. Por certo que estas cámaras poden medir temperaturas a distancia, sen contacto e en total escuridade. Segundo apunta o investigador, este potencial é moi importante para procesos como a procura de fallos eléctricos e mecánicos en contornas industriais. Ou para localizar perdas de illamento en edificios en construción. Ou mesmo para detectar fugas de gases.
Como dixemos, a Área Multimodal de Gradiant traballa arestora no desenvolvemento de algoritmos de videovixilancia baseados en imaxe térmica. Nesta liña, Gradiant está a participar no proxecto Videoguard, do que xa temos falado en detalle en Código Cero, pondo a súa experiencia investigadora a disposición dun consorcio de empresas tecnolóxicas integrado por Coremain, Bastet Enxeñaría, TRC e Retegal. O obxectivo: desenvolver un servizo de vixilancia intelixente para a prevención e persecución da pesca e o marisqueo furtivos.
O proxecto Videoguard conta cun investimento de 1,8 millóns de euros, financiados con fondos do programa Innterconecta a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI.
