As redes sociais son un territorio a medias explorado, ou cuxa extensión total foi minimamente explorada por boa parte das nosas empresas. O que temos diante é basicamente un enorme potencial de comunicación e promoción para as nosas empresas, pero como en toda navegación, non podemos emprender a viaxe sen pautas. Achegalas e axudarnos a movernos nestes servizos é o gran obxectivo da xornada de balde que organiza a Cámara de Comercio de de Santiago o vindeiro 28 de novembro.
Falamos do encontro Como promocionarse en Internet coas redes sociais, unha actividade inserida no programa Feira do Coñecemento da entidade cameral. Desenvolverase no seu salón de actos entre 10:30 e as 12:30 horas, da man da responsable de mercadotecnia en liña da empresa Plexus, Rita del Río, e máis a responsable de comunidade da dita firma, Sara López. Xuntas, informa a Cámara, exporán “as vantaxes e oportunidades que as redes sociais ofrecen ás empresas e os retos que deben enfrontar para aproveitar o seu potencial”. Tamén achegarán unha breve presentación das redes sociais máis importantes para unha empresa e as posibles estratexias para conseguir unha presenza destacada. Igualmente, efectuarán un diagnóstico de balde que consistirá nun estudo da presenza actual de cada empresa nas comunidades 2.0, avaliando tamén a súa reputación en liña.
A Cámara de Comercio de Santiago amosa os mellores xeitos de promovérmonos nas redes sociais
Compartir Este Artigo
