O Colexio Ponte dos Brozos de Arteixo vai participar nunha iniciativa da organización Code.org para promover a vindeira semana (entre os días 8 e 12 de decembro) como a Semana das Ciencias da Computación. A iniciativa en cuestión materializarase a través dunha actividade concreta: a One Hour Code, a Hora da Programación, que é unha introdución directa á ciencia computacional a través dun tempo delimitado: nin máis nin menos que unha hora. O obxectivo, sinalan dende Code.org, “é desmitificar a programación e demostrar que calquera pode aprender os seus conceptos básicos”. Asemade, o que se busca é acadar a máxima participación. Máis polo miúdo, “a participación de milleiros de estudantes de todo o mundo probándose a si mesmos a longo dunha hora de programación”.
Como dixemos, a iniciativa insírese no programa de actividades de Code.org, unha organización que tenta que a informática, e máis polo miúdo a programación, fique incorporada dentro do currículo ordinario das escolas “como unha forma de potenciar o pensamento computacional”.
En base ao devandito, o CEIP de Arteixo únese formalmente á proposta o vindeiro mércores 10 de decembro, que é cando está previsto achegar os seus sesenta minutos de traballo informático. Segundo informan fontes do centro, realizaranse actividades de programación axeitadas á idade do alumnado, aínda que tamén é certo que todos os escolares de Infantil e Primaria están xa familiarizados cos detalles da codificación e a programación (véñense desenvolvendo actividades formativas dende o curso pasado).
Lembrar que Code.org é unha organización sen arela de lucro creada no ano 2013 e dirixida a achegar a informática ás escolas. Dende Code.org consideran que é preciso que as ciencias computacionais e a programación de código sexan parte do plan de estudos nos centros de infantil e primaria e nos institutos, no mesmo orde de importancia que a Bioloxía, Xeografía ou Matemáticas. “Cada estudante”, sinala a organización a este respecto, “debe ter a oportunidade de aprender ciencias computacionais, xa que axudan a fomentar as habilidades de resolución de problemas, á lóxica e á creatividade”. E engade: “Ao introducir aos estudantes dende idades temperás neste tipo de formación información, achégaselles unha base para o éxito en calquera carreira do século XXI”.
O CEIP Ponte dos Brozos participa na hora mundial da programación que organiza Code.org
Compartir Este Artigo
