
Inicialmente o propio Ministerio de Educación, Cultura e Deporte reaccionou manifestando que o peche de Google News en España “responde a unha decisión empresarial”, desmarcándose claramente das consecuencias dos seus propios actos, e escudándose no feito de que aínda non se desenvolveu o regulamento da Lei, aínda que sen advertir de que, aínda que a norma tarde meses en concretarse, o período que se facturará aos afectados pola mesma comezará o vindeiro 1 de xaneiro. Dende o Ministerio tamén aseguran que “a LPI en nada obstaculiza a liberdade de información, sempre dentro do respecto e protección aos dereitos de propiedade intelectual dos autores”, declaración coa que claramente non concordarán os responsables de plataformas como Menéame, que ven como terían que pagar unha taxa por realizar a súa actividade actual, que limítase a recomendar contidos en aberto na Rede abrindo o diálogo sobre os mesmos.
Pero máis sorprendente é a reacción da Asociación de Editores de Diarios Españois (AEDE), promotora da compensación para a prensa en liña incorporada á LPI, xa que pide ao Goberno, á Comisión Europea e ás autoridades da competencia que interveñan para “protexer de xeito eficaz” os dereitos de cidadáns e empresas, xa que consideran que non estamos ante o peche dun servizo máis dada a posición dominante de Google no mercado. Esta esixencia roza o absurdo, pois Google News é un servizo secundario de Google do que si existen alternativas, e que non debe confundirse coas buscas xerais do buscador, que continuarán incluíndo resultados de medios en liña. Tampouco parece razoable que as autoridades poidan forzar a unha compañía a ofertar un servizo que non é universal, especialmente cando para facelo debe realizar pagamentos a terceiros para compensalos pola súa actividade.
AEDE oponse ao peche de Google News en España
Compartir Este Artigo

