A creatividade galega en materia de literatura xuvenil e banda deseñada é nestes tempos que vivimos un fervedoiro de ideas e novas propostas, moitas delas con áncoras ben afianzadas na Rede e nos baixíos tecnolóxicos. Se recentemente falamos da revista dixital Criaturas, da banda deseñada sobre o diñeiro virtual Bitcoin(que conta coas achegas do ilustrador compostelán José Ángel Ares) ou da chegada da revista satírica O Butafumeiro, agora temos diante dos nosos ollos a botadura de Noveno 9, que é como se coñece a nova revista dixital que vén de presentar o alumnado da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, un espazo formativo que conta coa presenza (docente) de artistas galegos do talle de Kiko da Silva (director), Fran Bueno, Fernando Iglesias, Miguel Porto e Rodrigo Cota. A Terra Escura de Daniel Corrada é unha das historias recollidas pola publicaciónSegundo fai saber a escola, o número cero presenta un total de 87 páxinas a cargo de creadores emerxentes como Daniel Corrada, Andrés García, Sara Martínez, Carlos Limeres ou Mara Méndez, entre outros. Trátase dunha publicación dixital periódica que fai gala, ademais, dun xeito xusto (moi acorde cos tempos) de acadar beneficio: cada lector paga a cifra que considere axeitado pagar (e acaido co seu propio peto). De acadarse cartos de bando farase unha escolma en papel das mellores historietas dos distintos números. Por se se funden os plomos e a achega que fai Quique VeigaA revista, sinalan dende o Garaxe, nace como ferramenta de aprendizaxe dos alumnos matriculados no curso profesional do noso espazo de formación sobre banda deseñada con sede en Pontevedra, constituíndose “co obxectivo de que os novos creadores experimenten todos os parámetros precisos para convertérense en profesionais da banda deseñada”. Cousas como por exemplo cumprir as datas de entrega, familiarizarse co formato, seguir de preto o tema da revista ou garantir uns parámetros de calidade para poder publicar.