Amosar en detalle como eramos na Idade Media e, sobre todo, facelo dun xeito útil, clarificador e sinxelo na súa complexidade (sinxelo malia a súa complexidade). Este é un dos grandes obxectivos do proxecto Gallaecia Monumenta Histórica, un repositorio web presentando este xoves polo Consello da Cultura Galega e que contén na actualidade máis de 7.000 documentos do corpus medieval galego en latín, galego e castelán. Segundo fixeron saber Ramón Villares, Rosario Álvarez (presidente e vicepresidenta do CCG) e Manuel Gago (técnico e coordinador do proxecto), trátase de importantes documentos con orixe en máis de 20 publicacións que se acompañan de ensaios e estudos de contexto para facilitar o coñecemento da escritura medieval ou das particularidades da documentación monástica galega.
Durante o acto de presentación celebrado na sede do Consello en Santiago, lembrouse que o que vemos hoxe, o repositorio web nas súas múltiples facetas, é froito dun intenso traballo que comezou hai anos pero en boa medida non rematou. De feito, estamos só ante unha parte do todo: fica pendente moita Idade Medida de Galicia por reflectir e envorcar. Por certo que este intenso traballo non se limitou só ao fondo da información, o miolo, senón tamén á forma: “Cumpriu xuntar forzas e chegar a importantes acordos en materia de transcrición e edición”, sinalou Rosario Álvarez na presentación.
Os detalles máis técnicos do proxecto foron dados a coñecer por Manolo Gago, quen lembrou que o punto de partida foi un variado corpus documental para, en última instancia, “achegar un gran friso do mundo medieval galego”. Asemade, dixo, dende o primeiro intre quedou claro que o que había que facer era ir alén “dun simple PDF”. O resultado é un complexo repositorio de 7.000 documentos que leva ás súas costas un longo de labor de interpretación e análise “para entender os conceptos, as persoas e os lugares aos que se refiren os documentos”. A xuízo de Gago, este traballo de desenleado dos datos, de clarificación dos mesmos, é un labor extremadamente arduo, en boa medida por mor de importantes baleiros de normas de escritura na Idade Medida, o que tiña como consecuencia unha ampla marxe de incerteza. En definitiva, en moitos casos é en extremo difícil saber a que persoas, lugares e conceptos aluden os nomes incluídos nos documentos.
“O resultado”, fíxose saber na presentación, “é que cada documento ten numerosas referencias cruzadas que permiten seguir as trazas de aristócratas, eclesiásticos, burgueses e mesmo servos ao longo de documentos, observando parcialmente a súa historia persoal”. Algo semellante ocorre cos topónimos que figuran na documentación, incluídas poboacións que xa non existen. En definitiva, de cada arquivo incluído extráense múltiples capas de información que nos levan, directa ou indirectamente, a outros documentos. Segundo engadiu Gago, un dos grandes retos foi precisamente o de desvelar e aclarar contidos. “De feito”, dixo, “estamos ante datos que non só son de difícil consulta, senón tamén de difícil procesamento”.
Na presentación tamén se explicou que o repositorio está inspirado nos grandes corpus documentais xerados en Europa dende o século XIX. O labor de dixitalización levado a cabo polo CCG foi dirixido, subliñouse, “a permitir unha exploración máis ampla da rica documentación medieval galega”.
O CCG dixitaliza boa parte da nosa historia medieval
Compartir Este Artigo
