Os días 22 e 23 de xaneiro estará aberta ao público, na Cidade da Cultura a exposición interactiva The Balance of Fabric. Trátase, en detalle, dunha instalación sobre sustentabilidade e sobre o futuro da moda que conta co pulo de Latitude, unha nova empresa galega centrada na reindustrialización do eido téxtil a través do sostible. A mostra, con todo, foi realizada a nivel técnico, tecnolóxico e artístico polo colectivo Domestic Data Streamers, grupo catalán de desenvolvedores e analistas numéricos. Con esta exposición, Latitude quere contribuír no posible a intensificar a reflexión acerca do que podemos facer, na nosa man, para que o futuro da moda sexa un mundo o máis xusto posible para creadores, fabricantes, traballadores e usuarios.
Segundo fan saber os responsables de Domestic Data Streamers a conto da exhibición que se prepara para Santiago, “os datos cambian o xeito no que vemos o mundo, podemos aprender máis sobre nós e sobre a natureza que nos rodea que nunca antes na historia da humanidade, pero precisamos novas ferramentas que nos permitan traducir esta información nunha linguaxe universal”. Aí, nestas ferramentas, é onde entra en xogo Domestic Data Streamers, un colectivo catalán que emprega novas linguaxes e novas tecnoloxías “que nos axuden a entender mellor o mundo que nos rodea”. Con este fin, engaden, “convertemos os números en instalacións, transformando as estatísticas en sistemas interactivos e experiencias”.
The Balance of Fabric será unha representación en tempo real na que se convidará ao público a reflexionar sobre os seus hábitos e opinións ao redor da moda. “Xuntarase arte e estatísticas, divulgación e reflexión, razón e emoción”, sinalan os impulsores da iniciativa. Estará aberta ao público o xoves 22, de 17.00 a 21.00 horas, e o venres 23, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
Polo que se refire á experiencia máis recente de Domestic Data Streamers, está inzada do que se poderían chamar propostas para dar forma aos números e sacar á luz as mensaxes que doutro xeito, sen a nosa acción, ficarían sen desvelar, latentes. Trátase pois de comparar, avaliar e traducir cifras, e para isto bótase man das ferramentas que a fin de contas máis experiencia teñen neste labor, as novas tecnoloxías informáticas. De feito, segundo se reflicte dende Yorokobu ao fío dos últimos traballos dos desenvolvedores cataláns, “foi nos últimos anos coa revolución que supuxo Internet cando os segredos dos números comezaron a tornar máis accesibles; infograficas e xornalistas envorcáronse en descifrar a acumulación masiva de datos, iso que que veu a chamarse o Big Data”.
Neste senso, Domestic Data Streamers fan creatividade, propostas artísticas, deste mesmo proceso de converter en intelixible o que fica ensarillado. Trátase pois dun colectivo de desenvolvedores que “converte en números as instalacións, amasan datos para crear estatísticas e usalas en sistemas interactivos e experiencias”. Un dos seus traballos recentes, para facérmonos unha idea de cales son os seus vieiros, realizouse en Barcelona, nun muro da praza de Tres Xemeneies. Baixo o epígrafe de The Mood Test convidouse aos transeúntes a materializar e plasmar os seus pensamentos, e todo tirando do fío das súas opinións sobre a situación económica actual e o intre do día da persoa enquisada. O resultado, logo do cómputo e das operacións informáticas, foi unha visualización de información en temo real coas respostas dos viandantes. Entre as conclusións xeradas atopamos as seguintes: que as oito da mañá é sen dúbida a hora máis deprimente e que as mulleres teñen unha visión máis optimista, a nivel xeral, cós homes.
O Gaiás acolle esta semana unha exposición interactiva sobre xeitos de acadar unha moda máis sustentable
Compartir Este Artigo
