O novo rumbo de Microsoft prioirizando a nube e o móbil vén de abrir un novo capítulo, xa que finalmente o correo electrónico de Outlook inicia o seu desembarco en todas as plataformas móbiles estreando aplicación para iOS e Android, o que foi posible en boa medida grazas a que a compañía de Redmond adquiriu Acompli, empresa experta en levar o e-mail ao móbil, que fixo posible esta nova aplicación que traslada a experiencia de uso do cliente de correo máis popular no escritorio a teléfonos e tabletas.
Dende hoxe Outlook está dispoñible para a súa descarga para iOS 8.0 ou superior e para Android 4.0 ou superior (esta última aplicación aínda está nunha fase preliminar, o que indica que está nun estado menos avanzado que a de iOS), permitindo non só a descarga de correo electrónico, senón tamén administrar o calendario, xestionar contactos e ficheiros e, en definitiva, converterse nunha ferramenta imprescindible para moitos usuarios e que ata o momento tiñan que cubrir con aplicacións pouco optimizadas para certas tarefas frecuentes e moi repetitivas que agora veranse axilizadas.
Para comezar, Outlook divide as mensaxes de correo electrónico nun par de fichas (Enfocados e Outro) para facilitarnos a separación das mensaxes importantes; arrastrando lateralmente as mensaxes podemos Arquivar ou Programar unha comunicación para que desapareza da nosa vista definitivamente ou só de xeito temporal (para que poidamos centrar a nosa atención no máis urxente); conta con apartado de Persoas no que podemos ver rapidamente aos nosos interlocutores máis frecuentes; tamén conta cunha sección de Arquivos na que consultar os documentos adxuntos recibidos; e para ser realmente un Outlook completo, tamén conta cun Calendario.
Esta aplicación é compatible con contas de correo electrónico de Exchange, Outlook.com, Gmail, Apple, Yahoo! e configuracións personalizadas, de xeito que funciona practicamente con calquera conta de e-mail, permitindo agregar varias contas de usuario e consultalas de xeito combinado ou por separado. Tamén facilita o acceso a almacenamentos na nube como Dropbox e OneDrive, o que pretende reducir os atrancos para compartir documentos por correo electrónico cando no estamos diante dun ordenador.
A nova aplicación de Outlook para iOS en vídeo
Outlook estrea aplicación para iOS e Android facilitando o uso móbil do correo electrónico
Compartir Este Artigo

