
O grupo galego de coñecemento científico Divulgare, do que falamos o ano pasado en Código Cero para salientar os seus logros en Internet (máis de 500.000 descargas e visitas desde 142 países ao longo dos seus daquela cinco anos de vida), vén de presentar a versión en galego dos seus vídeos. A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo ao abeiro do convenio que esta entidade asina anualmente coa Consellería de Cultura (coa arela de amosar que na nosa lingua tamén se fai ciencia), compleméntase cun portal web para compilar as devanditas pezas audiovisuais.
Este venres tivo lugar a presentación pública destas achegas, un total de 20 vídeos, nun acto que contou coa presenza do reitor da Universidade, Salustiano Mato; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García e os profesores Luís Navarro e José María Sánchez.
Estes vídeos, fixeron saber, fornecerán os contidos científicos e innovadores non só á comunidade universitaria, senón especialmente aos estudantes de secundaria. E co valor engadido de ser en galego, “creando e divulgando terminoloxía e vocabulario entre os futuros universitarios e incidindo nunha franxa de idade na que o uso da lingua propia se está a perder”.
Unha vez feitas as traducións, agora dende Divulgare están a traballar nun portal web que dea acubillo a estes e aos futuros vídeos para poñelos a disposición non só da comunidade universitaria senón da sociedade en xeral. José María Sánchez explicou que esta canle terá unha liña argumental baseada co cambio global, “un tema que xa está no currículo de secundaria e sobre o que xa temos feito varios vídeos e no que seguiremos a traballar”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística salientou a utilidade destes recursos porque cumpren con tres aspectos estratéxicos. Por unha banda, achegar a lingua galega ao campo das TIC e do audiovisual para que se vexa “que non é un idioma secular, é unha lingua viva e actual”. Por outra banda, apostando polo galego nun eido como é o da ciencia, no que a lingua predominante é o inglés e, finalmente, ten un importante labor docente xa que achega a estudantes de diversas idades coñecementos científicos e de sustentabilidade en galego, “nunha franxa de idade especialmente importante na difusión da lingua, xa que están a formar a súa personalidade”.
A tradución deste vídeos, nun casos dobrados e noutros subtitulados, foi realizada polas técnicas da Área de Normalización Lingüística da Universidade Eva María Castro e Cristina Rodríguez. Ao rematar o acto proxectouse unha das pezas audiovisuais creadas polos investigadores de Divulgare e traducida pola ANL, o documental A saúde nos nosos océanos, encadrado no proxecto internacional Arcopol Platform. Na canle de Divulgare poden verse os vídeos do grupo en todos os idiomas dispoñibles.
Divulgare presenta nova web e a versión en galego das súas pezas científicas
Compartir Este Artigo
