A empresa galega Abertal deu a coñecer a finais de xaneiro os resultados do seu traballo de deseño e desenvolvemento web para o Concello de Ribadeo. O proxecto artellouse en varias iniciativas en liña con claro compoñente turístico. Por unha banda, deu como resultado a nova web da Praia das Catedrais, que nace co obxectivo de achegar nun mesmo espazo toda a información referente á dita contorna costeira. Segundo informou Abertal, na páxina “pódese atopar a máis completa información sobre a súa historia, xeoloxía, entorno natural, así como información útil para visitala”. Por exemplo, datos útiles sobre mareas, emprazamento, consellos para chegar e percorrer a contorna, cousas que facer, preguntas frecuentes, etc.
No que se refire á feitura, a empresa sinala que o obxectivo básico foi visualizar e salientar “o enorme valor paisaxístico do lugar”. Con este motivo, tirouse o máximo partido dun bo número de imaxes da praia e da contorna, emprazamentos que polas súas particularidades permitiron a Abertal unha boa marxe de traballo en materia de desdeño.
Por outra banda, a empresa tamén deu a coñecer a nova web turística do Concello de Ribadeo, desenvolvida ao abeiro da campaña de promoción turística #Ribadeoxqsí. A páxina en cuestión colleu corpo coa arela “de amosar a grande riqueza natural, paisaxística e cultural de Ribadeo”. A idea, a maiores, foi convertela na porta na que petar, informativa e comunicativamente falando, para todos aqueles turistas e visitantes potenciais que teñan pensado recalar no concello da Mariña de Lugo. Ao fío deste obxectivo de ser referencial e segundo apunta Abertal, “emprestouse moita atención ao uso da web en móbiles e tabletas, procurando unha navegación o máis doada posible e a máxima marxe de uso neste tipo de dispositivos”.
Na web pódese atopar un completo directorio da oferta de aloxamentos e restaurantes de xeito xeolocalizado.
Abertal presentou as novas webs turísticas de Ribadeo
Compartir Este Artigo
