Un acordo que máis que sumar, multiplica forzas. Así definiron hoxe os responsables do CESGA e de Gradiant a alianza asinada entre ámbolos centros tecnolóxicos co obxectivo de impulsar máis proxectos innovadores e captar máis fondos europeos, sobre todo coas novas convocatorias do H2020 no punto de mira. No acordo, asinado este luns na sede do Centro de Supercomputación de Galicia, participaron o presidente da Axencia Galega de Innovación e presidente do CESGA, Manuel Varela Rey, e o director xeral do centro tecnolóxico Gradiant, David Vázquez Cortizo. Segundo fixeron saber, boa parte do que se faga ao abeiro do convenio farase coa intención de “non deixar fuxir oportunidades de financiamento europeo”.
No acto tamén participaron Javier García Tobío, director do CESGA e máis Fernando Jiménez, xerente de Gradiant. García Tobío lembrou que a colaboración entre os centros non é nova, e que vén de lonxe, a diferenza é que agora as actividades de cooperación levarase a cabo baixo o paraugas dun convenio.
As bases da alianza son as seguintes: fomentar traballos conxuntos e impulsar o intercambio de experiencias ao tempo que se avanza na cesión de recursos humanos (investigadores e tecnólogos) e técnicos.
En materia máis concreta, o CESGA porá a disposición dos especialistas de Gradiant a súa capacidade de cálculo, concretada no superordenador FinisTerrae e o Superordenador Virtual Galego, que segundo fixo saber Manuel Varela “serán potenciados nos vindeiros meses co supercomputador Finisterrae 2, que xa ten luz verde por parte da Xunta e do Ministerio de Economía”.
Por outra banda, o Centro de Supercomputación posibilitará a Gradiant acceder ás súas capacidades de almacenamento de datos. Asemade, abrirá as súas portas aos investigadores do centro vigués para que tiren proveito das súas infraestruturas e servizos.
Pola súa parte, Gradiant porá a disposición dos investigadores do CESGA o seu equipamento de investigación.
Volvendo á vindeira concorrencia conxunta (como entidade única) dos dous complexos tecnolóxicos galegos en materia de convocatorias europeas (cousa que co acordo deste luns acada total viabilidade), dicir que o obxectivo a curto e medio prazo é aspirar ás convocatorias do programa da Comisión Europea Horizonte 2020, que ten un orzamento de preto de 80.000 millóns de euros para proxectos innovadores ata 2020. “Presentándose de forma conxunta, o peso combinado das infraestruturas tecnolóxicas e o persoal de ambos centros, pode ser un factor determinante de cara a acadar o financiamento europeo”, fixeron saber os responsables de CESGA e Gradiant, que tamén lembraron que o acordo asinado especifica que os centros compartirán a propiedade, dereitos de explotación e desenvolvemento de calquera dos resultados derivados da colaboración, “contribuíndo así ao financiamento de ambos”.
Segundo lembrou García Tobío, o feito de traballaren xuntos (Gradiant e CESGA) permitirá que se teñan en conta moitas máis convocatorias ás que presentarse. “Xuntos”, dixo, “aspiraremos sen dúbida a máis”. Pola súa banda, Fernando Jiménez xa avanzou que arestora se están a preparar cuestións que atinxen aos dous centros con vistas ás convocatorias de abril do Horizonte 2020. “Máis que sumar”, engadiu, “con este acordo multiplicamos recursos”.
CESGA e Gradiant suman forzas no camiño de captar máis financiamento
Compartir Este Artigo
