Este martes celebrouse no salón de actos da sede da Deputación de Lugo a primeira edición da xornada #lugoinnova, un encontro no que se avaliou a relación entre innovación, coñecemento e medre económico dos territorios, un proceso que en palabras do organismo provincial (organizador do encontro) acelérase de xeito considerable coa aparición do compoñente dixital. A xornada foi inaugurada polo director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías da Deputación, Pablo Rivera Capón. O evento desenvolveuse baixo o epígrafe Non predigas o futuro, Invéntao!, co que se lles lembraron aos presentes non só os beneficios do alento innovador nas redes sociais, senón o feito de que este estea ao alcance de calquera. De feito, díxose, todas e todos estamos un pouco obrigados a innovar.
Na inauguración, Rivera salientou que “eventos como este redundan na aposta do organismo provincial pola innovación en todas as súas vertentes”. E engadiu: “Cremos na innovación porque sen ela non hai futuro posible, e facémolo a través de proxectos como o InnovaTE2: Deputación Dixital, que ten como obxectivo actuar como motor da xeración de crecemento e de emprego na provincia, e para promover a aplicación xeral das TIC nos ámbitos produtivos, sociais e dos servizos públicos”.
O evento reuniu en San Marcos a un bo número de persoeiros de prestixio dentro do ámbito tecnolóxico-dixital. O encontro tamén puido seguirse en Internet grazas ao streaming ofrecido pola Fundación TIC e nas redes sociais mediante a etiqueta #lugoinnova.
A xornada comezou, logo da apertura, co relatorio O papel de Twitter na política e na administración pública. O caso Jun, a cargo de José Antonio Rodríguez Salas, que segundo apunta a Deputación ocupa o cuarto posto de influencia en redes sociais ademais de ser líder na clasificación de dos alcaldes españois conectados ás redes sociais (con mais de 313.000 seareiros). Rodríguez Salas amosou os proxectos que emprazaron a Jun (Granada) na primeira liña da fronte dos concellos 2.0, en palabras da organización da xornada “todo un referente mundial no uso das novas tecnoloxías e no fomento da participación cidadá a través delas”. Entre as iniciativas expostas en Lugo incluíronse cousas como a inclusión integral dos planos da vida municipal nas redes sociais ou as iniciativas postas en marcha para facilitar a participación cidadá na vida pública local. José Antonio Rodríguez Salas explicou que os temas da orde do día do propio Pleno son decididos a través dos chíos en Twitter con máis relevancia.
Tras a conferencia do alcalde de Jun, Jorge Díaz e Javier Ikaz achegaron as claves para convertérmonos “nun fenómeno de masas que chegue a máis dun millón de seguidores nas redes sociais”. Neste caso concreto, nun fenómeno de masas como o que eles impulsan a través de yofuia egb.com. Ao seu xuízo, a receita é a seguinte: “A saudade, as lembranzas que ten en común toda unha xeración, o ton positivo e o uso do termo EGB que une a milleiros de persoas”. Lembraron tamén que o seu blog ten máis de 3.000.000 de páxinas vistas e que con el deron o chimpo ao mundo analóxico porque, “malia todo, a xente segue a demandar as vellas formas de antes”.
A maiores do devandito, baixo o nome de #SuperProfesional: Reinvéntate en 120 minutos o obradoiro práctico do adestrador profesional Alfonso Alcántara ofreceu os segredos do emprego 2.0, a marca persoal e o emprendemento para atopar e crear oportunidades persoais e laborais. A través da pregunta inicial Que deberías estar facendo agora?, Alfonso Alcántara conduciu ao auditorio a buscar a especialización e motivouno na procura daquelas cousas que “nos fan destacar entre os demais”. Ao remate do acto, Alfonso Alcántara, con máis de 200.000 contactos nas redes sociais, asinou exemplares do seu libro.
Para rematar, a Deputación de Lugo informou que segundo datos de páxinas independentes de analítica de Twitter, 218 persoas empregaron a etiqueta #lugoinnova. ·Publicáronse case 900 chíos nesta rede social, cunha audiencia de 1.012.253 persoas e máis de oito millóns impresións totais nos diferentes time line dos usuarios”, engadiu o organismo provincial.
Líderes das redes sociais amosaron na xornada #lugoinnova as claves para gañar audiencia 2.0
Compartir Este Artigo
