Seguimos a dar pasos, algúns de xigante, no camiño de seguir sendo un referente en materia de enxeñaría e desenvolvemento de tecnoloxía aeroespacial (referente real xa somos, logo das salientables experiencias dos satélites XaTcobeo, Humsat-D, o FemtoSat e dalgúns máis que están por vir, como o G-Sat ou o que se vai desenvolver a través do proxecto SERPENS coa Agência Espacial Brasileira, AEB). O caso é que o Consello do Campus de Ourense (UVigo) aprobou este luns a posta en marcha do grao en Enxeñaría Aeroespacial. A integración deste nova titulación obtivo doce votos a favor, cinco abstención e ningún en contra. A presentación oficial ante a Xunta do devandito grao levarase a cabo este verán.
Segundo informan fontes do Campus, trala súa aprobación en Consello de Campus elevarase unha expresión de interese ante o Consello de Goberno, o órgano competente para iniciar o proceso de tramitación. En caso de aprobarse, constituiríase unha Xunta de Titulación intercentros na que estiveran involucradas facultades e escolas coas especialidades máis afíns a esta nova enxeñaría: a Facultade de Ciencias e a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense e as escolas de Telecomunicación, Enxeñaría de Minas e Enxeñería Industrial do campus de Vigo. “Esta xunta sería a encargada de compoñer a Comisión do Plan de Estudo, responsable de dar forma ás memorias académica e económica e de oportunidade”, explican dende o Campus.
Unha vez deseñado o contido e o plan de viabilidade deste novo grao, faríase unha exposición pública da información e volvería a ir a Consello de Goberno para a súa aprobación definitiva. Co visto e prace deste órgano, a memoria sería elevada á Xunta de Galicia para que a estudara a Axencia de Avaliación de Calidade e pasara a avaliación dos expertos externos antes de levala a debate no Consello Galego de Universidades que se celebrará no verán. Seguidos todos estes pasos, esta nova titulación podería estar lista para comezar no curso 2016/2017.
Con esta nova titulación, a Universidade quere emendar os posibles baleiros tecnolóxicos que hai no Campus ao tempo que se amaña outra eiva propia do noso Sistema Universitario Galego, “completando a nosa oferta académica e dando resposta a unha demanda cidadá”. Segundo fixo saber tralo Consello o reitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato, a Enxeñaría Aeroespacial é “unha enxeñaría singular que nace para dar apoio a un sector incipiente na comunidade polo que se vai a apostar a través da especialización intelixente en investigación proposta para Galicia e que servirá para, a través da investigación, fortalecer as capacidades empresariais dun sector en auxe”.
O reitor tamén lembrou que o ámbito de traballo que cobre a nova titulación é un mercado que medrou nun 300% nos últimos oito anos, amosando “unha evolución de emprego positiva”. Ao seu xuízo, esta enxeñaría baseada en tecnoloxías de altas prestacións precisaba en Galicia “dunha pata académica sobre a que se alimentase o futuro profesional do sector”. Na súa opinión, o Campus de Ourense era o lugar máis axeitado para este punto de apoio fundamental, “xa que o actual pulmón do sector aeroespacial en Galicia está situado no sur da comunidade, pero coa maior parte da súa actividade en Ourense”.
O Campus de Ourense aproba implantar no seu seo o grao en Enxeñaría Aeroespacial
Compartir Este Artigo
