A versión preliminar de Skype Translator non para de prosperar, e tras estrearse traducindo conversas entre o español e o inglés, está agora a recibir un par de linguas faladas máis: o italiano e o chinés (mandarín). Tendo en conta o complicado que pode ser para un falante de inglés, español ou italiano entender e falar o mandarín, estamos ante un grande avance para superar os atrancos idiomáticos, que máis adiante poderá levarse a linguas como o árabe, o xaponés ou o coreano, que resultan especialmente complexos para a meirande parte dos occidentais.
Con Skype Translator podemos gozar de tradución de conversas faladas en tempo real para un reducido número de linguas, pero para os chats de texto o número de linguas dispoñibles amplíase ata 51, incluíndo ao catalán e ao portugués, mentres que o galego e o éuscaro aínda teñen pendente a súa integración.
Dado que Skype conta con máis de 300 millóns de usuarios, que continúe a ampliarse este servizo de tradución en tempo real é unha grande nova, xa que facilitará enormemente o derrubar a Torre de Babel global valéndose dunha tecnoloxía que en boa medida poderá mellorar canto maior sexa o seu uso.
Vídeo promocional de Skype Translator

