
As xuntanzas do mércores desenvólvense no Centro de Estudos Avanzados da USC e foron o preámbulo da reunión semestral do comité técnico da rede que se desenvolve hoxe e mañá no mesmo lugar. As ditas xuntanzas foron as primeiras das súas características que celebrou a rede, reunindo aos responsables de goberno en temas de innovación e emprendemento de 21 institucións de educación superior de España, Portugal, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia e México. No acto de apertura participaron o reitor da USC, Juan Viaño, o presidente de RedEmprendia, Senén Barro, e José Manuel Moreno, subdirector xeral adxunto de Banco Santander, entidade que a través de Santander Universidades exerce un fundamental mecenado das actividades de RedEmprendia.
O encontro deste mércores serviu para dar a coñecer e debater os obxectivos de RedEmprendia, recollidos no documento RedEmprendia Horizonte 2020, dos que nacen os programas de apoio ao emprendemento universitario que a rede vai desenvolver nos vindeiros cinco anos. Entre as accións máis destacadas está a posta en marcha dun programa de aceleración da aprendizaxe empresarial deseñado especialmente para apoiar as mulleres universitarias que queren crear empresas baseadas no coñecemento. Esta iniciativa combinará a formación internacional en empresas con apoios específicos adaptados á situación particular das emprendedoras en España, Portugal e América Latina.
RedEmprendia traballa tamén na posta en marcha dun ambicioso programa de aceleración de spin-offs universitarias, que terá presenza en seis países da contorna iberoamericana. “Esta liña de acción en fase de desenvolvemento”, informaron os responsables de RedEmprendia, “contará coa colaboración destacada da Universidade de Santiago de Compostela e beneficiará empresas de orixe universitaria de Galicia, España, Portugal e América Latina”.
RedEmprendia prepara un completo programa de aceleración de spin-off universitarias
Compartir Este Artigo
