A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anunciaron este luns novas actividades formativas conxuntas xurdidas ao abeiro dos seus recentes acordos (como por exemplo o asinado entre ámbalas partes hai agora exactamente un ano). Segundo fixeron saber, trátase dun ciclo de xornadas sobre novos perfís dixitais e, a maiores, formación especializada en TIC para empregados públicos, docentes e familias.
Estas catro liñas de colaboración recóllense nun novo convenio asinado recentemente pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. A axencia achegará ao colexio 65.000 euros para o desenvolvemento das accións previstas.
O obxectivo do devandito ciclo, sinalaron Pereira e Suárez, é divulgar e amosar as novas profesións que vai xerando na nosa terra o afianzamento da Sociedade do Coñecemento, profesións coma a de deseñador dixital, o blogueiro profesional, o desenvolvedor de aplicacións, o especialista en contidos ou análise de datos, os técnicos en comercio electrónico ou o experto en mercadotecnia en liña. “Nestas actividades”, engadiron, “participarán enxeñeiros informáticos que actualmente están a desenvolver a súa actividade profesional nestes ámbitos e, ao remate do ciclo, os seus relatorios serán recollidos nunha publicación”.
Como dixemos, prepárase tamén a realización dunha guía “sinxela e accesible” para orientar a pais, nais e profesionais do eido educativo no uso de Internet por parte dos nenos. A maiores, “convocaranse sesións formativas sobre estes aspectos nas sete grandes cidades galegas” e celebrarase a Semana dos menores e as novas tecnoloxías.
As xornadas formativas para profesorado que prepara para 2015 o CPEIG buscan, ante todo, “que os docentes adquiran as competencias dixitais precisas para a integración das TIC nas aulas”. Estas achegas divulgativas, inseridas ao abeiro da estratexia tecnolóxica marcada no Proxecto Abalar, incidirán na formación en ferramentas de software libre. As actividades formativas celebraranse preferentemente nas aulas da Rede CeMIT.
A maiores, o colexio impartirá oito cursos prácticos nos que se fornecerá unha visión xeral das políticas dixitais europeas facendo fincapé en “aspectos chave da eAdministración,combinando información presencial en liña sobre metodoloxías e técnicas para achegar valor ao seu traballo cotián”.
CPEIG e AMTEGA amosarán á cidadanía en que consisten as novas profesións dixitais
Compartir Este Artigo
