A AMTEGA e o CPEIG colaborarán na formación de docentes, xornalistas e traballadores públicos

xoves, 10 de abril do 2014 Redacción

Esta mañá a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asinaron un convenio que prevé a organización de cursos e xornadas formativas para profesores e empregados públicos da área de informática, así como un Foro sobre Calidade e unhas xornadas sobre as TIC no xornalismo, actividades para ás que o organismo público contribuirá con 65.000 euros.
O primeiro Foro sobre Calidade ofrecerá un marco de reunión, debate e divulgación a investigadores, empresas, universidades e profesionais sobre as normas de xestión de calidade no ámbito das TIC.
O obxectivo da iniciativa é proporcionarlle aos asistentes información práctica a través da compartición de experiencias de implantación e casos de éxito das empresas. O foro estruturarase en mesas por áreas temáticas que analizarán aspectos como a ISO 9126, ISO 25000, débeda técnica, métrica, integración continua ou auditorías, entre outros.
Por outra banda, o CPEIG quere ofrecer ao colectivo de xornalistas formación en comunicación 2.0 e novas tecnoloxías. Este é o obxectivo das xornadas sobre as TIC e o xornalismo actual nas que se ofrecerá formación práctica sobre a utilización dos recursos dispoñibles en Internet para a creación de contidos, programación, deseño gráfico e redes sociais.
Para que os docentes adquiran as competencias dixitais precisas para a integración das TIC nas aulas o CPEIG celebrará distintas xornadas formativos ao longo deste ano, baseadas preferentemente en software libre, que é o que está a empregar o Proxecto Abalar da Xunta. As actividades formativas celebraranse preferentemente nas aulas da Rede CeMIT.
Os profesionais da área de informática da Administración autonómica son outro dos colectivos aos que se dirixen as actuacións do convenio asinado hoxe. O Colexio impartirá oito cursos, eminentemente prácticos, combinando información presencial e online sobre metodoloxías e técnicas para sumarlle valor ao seu traballo diario.

PUBLICIDADE