Fernando Suárez, responsable de Innovación no Concello de Santiago, presentou este venres no CiTIUS (USC) a iniciativa que impulsa o seu departamento para transformar a capital de Galicia nunha Cidade Dixital. Pero non unha Cidade Dixital calquera, senón unha que respecte, preserve e impulse (ao mesmo tempo) o seu carácter histórico. Esta é, fixo saber, a base de Smart iAGO, o proxecto Smart City co que leva traballando o Concello compostelán ao longo dos últimos anos e que en boa maneira consiste en apostar pola tecnoloxía como recurso para mellorar o que xa existe: tanto as áreas urbanas máis novas e acaidas para a innovación como, sobre todo, as áreas históricas.
Suárez encetou a cita no CiTIUS apostando pola seguinte definición do que é e debera ser unha Cidade Intelixente: “Unha Cidade Intelixente é a que é quen de aproveitar os datos que produce acotío para xerar información nova que lle permita mellorar a súa xestión e ser máis sustentable, máis competitiva e ofrecer mellor calidade de vida aos cidadáns”. Esta é polo tanto a base do proxecto compostelán, recalcou, crear unha contorna urbana que sexa o mais eficaz e eficiente posible, que achegue os mellores servizos ao tempo que salienta o aforro e o respecto polos recursos naturais e que implique ao cidadán na súa consecución e desenvolvemento.
Segundo fixo saber, unha iniciativa Smart City leva ás súas costas un fondo traballo complementario de investigación: “Os xestores municipais debemos coñecer as realidades presentes e futuras das cidades, as súas demandas e necesidades, debemos albiscalas ao lonxe e saber anticipalas”. Sobre este punto, engadiu, está claro que a sustentabilidade económica e ambiental prevalece, en boa medida, no panorama de necesidades xerais e específicas, é un parámetro clave. Porén, nin este nin outros parámetros e obxectivos son acadables sen a concorrencia da xente que vive nun espazo urbano Ao fío disto, Suárez lembrou que outra das finalidades claras dunha Smart City debe ser, e será, contar con Smart Citizens.
Sobre o caso concreto de Santiago e da iniciativa Smart iAGO, Fernando Suárez recordou que tratándose como se trata de optimizar e de rendibilizar, a clave do proxecto non é tanto inventar novos servizos como aplicar tecnoloxías para mellorar o que xa existe. “Smart iAGO”, engadiu, “non é un proxecto tecnolóxico, é un proxecto de cidade”. A continuación, falou dos piares específicos da iniciativa (impulsar a administración local, xerar mobilidade intelixente, mellorar a xestión do medio ambiente e dos refugallos urbanos, conservar o patrimonio e revitalizalo, xerar contornas de aforro enerxético, etc) e pasou a enumerar algunhas das actuacións que xa están en marcha (ou van estar en breve) ao abeiro de Smart iAGO. Por exemplo, a intención de apostar por vehículos sustentables para a circulación nas rúas da cidade vella, a busca de fórmulas para favorecer a apertura de negocios innovadores e referenciais no casco histórico ou o desenvolvemento de metodoloxías que permitan unha conectividade óptima na devandita área urbana (banda larga de alta velocidade), arestora moi coartada polas súas características físicas (rúas estreitas, sobrepresenza do muros grosos de granito) e polos regulamentos que impiden realizar determinadas obras e instalacións.
Amais do devandito, salientou iniciativas arestora en marcha como a aplicación da ferramenta Apparcar na Avenida de Barcelona, unha experiencia piloto coa que se quere evitar o estrago de recursos (tempo, esforzo, combustible) que implica buscar aparcamento nunha cidade como Santiago ou calquera outra. Segundo fixo saber, ao abeiro da integración de Apparcar hai xa 70 prazas operativas. “A través do noso dispositivo”, sinalou, “podemos solicitar unha das prazas dispoñibles, que están todas elas pintadas con números específicos e debidamente xeoposicionadas”.
Outra das actuacións visibles, engadiu Fernando Suárez, é a integración do servizo +Bus, que nos permite ter información no dispositivo móbil, en tempo real, de todo o relativo ao transporte público de Santiago. O servizo, posto en marcha por TUSSA, é de balde e posibilita cousas como localizarmos a parada máis próxima ao lugar onde nos atopamos, buscar paradas, consultar percorridos e verificar a información ao momento das liña de autobús, co tempo de chegada a cada parada.
Volvendo a Smart iAGo dende un punto de vista máis xenérico e facendo fincapé no estado no que se atopa, Suárez sinalou que o proxecto está moi avanzado, e que “estamos a xestionar a obtención de Fondos FEDER”. E engadiu: “É un proxecto moi ambicioso, cuxo principal reto é como modernizar a zona vella en todos os seus elementos sen afectar negativamente, máis ben o contrario, á súa conservación e integridade”. Búscanse, ao seu abeiro, cousas como mellorar o traballo dos funcionarios, a Administración Electrónica, a relación dos cidadáns co concello, a capacidade produtiva dos sectores económicos locais (facendo especial fincapé no sector TIC) e, tamén, a colaboración interna e externa. Sobre isto último, o responsable de Innovación compostelán explicou que se quere “compartir con outras cidades semellantes a Santiago os achados de aquí”, e froito disto está na actualidade en marcha unha colaboración concreta cos Concellos de Cáceres e Badaxoz.
Fernando Suárez amosa no CiTIUS o presente e o futuro de Smart iAGO
Compartir Este Artigo
