Arranca en Santiago o proxecto piloto de reserva de praza de aparcamento a través do móbil

luns, 16 de febreiro do 2015 Redacción

Dende este 16 de febreiro e ao longo de tres meses, o Concello de Santiago vai manter en activo unha proba piloto para tirarlle partido á aplicación galega Apparcar, da que xa temos falado en Código Cero salientando a súa participación na aceleradora tecnolóxica Wayra (Telefónica) como unha das máis innovadoras do Estado e destacando tamén as súa principal vantaxe: é unha ferramenta de balde para móbiles que permite aos condutores atopar a praza de estacionamento libre máis próxima ao seu destino na rúa e reservala con tan só un clic. Segundo informou o Concello de Santiago, a proba piloto de reserva de estacionamento mediante o noso móbil desenvolverase na avenida de Barcelona. Haberá 36 prazas dispoñíbeis, gratis, nun horario de 7:00 a 14:00 horas. “Os condutores que baixen a aplicación, tamén de balde, poderán buscar en tempo real as prazas libres nesta rúa, reservalas e aparcar”, sinalou o Goberno local.
Na presentación de Apparcar en Santiago participaron o concelleiro de Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete, o responsábel municipal do Departamento de Innovación, Fernando Suárez; o xefe de vendas de Administración Local de Telefónica, Roberto Vázquez; e do conselleiro delegado de Apparcar, José Luis Eirós, creador da aplicación. Segundo apuntou Sánchez-Brunete, a aplicación pon ao alcance da man dos condutores “unha solución intelixente a un problema, o do estacionamento, que supón “non só un problema de espazo, senón de tempo”. Na súa opinión, con esta proba piloto e a súa previsíbel adaptación vindeira a outras rúas e contornas da cidade (cousa que dependerá en última instancia do estudo dos datos reais sobre comportamentos de mobilidade que subministre a experiencia na avenida de Barcelona), Santiago emprázase “na vangarda das cidades estatais en materia de modelos intelixentes de xestión do estacionamento en superficie”.
Como dixemos, Apparcar é unha aplicación galega que permite aos condutores atopar a praza de estacionamento libre máis próxima ao seu destino na rúa e reservala con tan solo un clic. Segundo fixo saber o conselleiro delegado da empresa responsábel do seu desenvolvemento, José Luis Eirós, “propón un novo modelo de xestión do aparcamento público en superficie, que ofrece información en tempo real e a través de algoritmos, do estado de ocupación de cada praza, permitindo tomar decisións baseadas en datos e non na intuición ou na sorte”.
O seu funcionamento, sinalan dende a empresa, “é sinxelo e moi similar ao empregado para a xestión de reservas de butacas en teatros ou cines”. E engaden: “Permite coñecer, sen necesidade de sensores e en función de se foron ou non reservadas as prazas, a oferta de estacionamento dispoñíbel”.
Sobre a súa adaptación á rúa que servirá de escenario á proba piloto, o Concello apuntou que previamente á posta en marcha da aplicación as 36 prazas da avenida de Barcelona foron delimitadas, numeradas e identificadas. Isto acompáñase de medidas como a inclusión de sinais verticais que determinan até onde chega a zona de aparcamento piloto, a súa área concreta.
No que atinxe ao seu funcionamento, tanto o Concello como os creadores de Apparcar coinciden na sinxeleza da metodoloxía a seguir. Así, unha vez descargada a ferramenta, o móbil mesmo será quen tome a iniciativa, detectando coa axuda do seu GPS cando o condutor está preto do destino indicado, preguntando deseguido se desexa facer efectiva a reserva e por canto tempo. Se a praza que se nos recomenda está ocupada por outro vehículo sen reserva, poderemos informar desta incidencia e mobilizar a un controlador do Concello para que a comprobe. Sexa como sexa, unha vez constada a ocupación da praza, o sistema asignaranos outra nova de maneira automática.
Volvendo á figura do controlador, o Goberno local de Santiago indicou que durante a integración e afianzamento do sistema á contorna urbana, haberá un equipo de traballadores informando aos condutores das metodoloxías a seguir para tirar partido do sistema de aparcamento. Tamén verificarán que as prazas son usadas por quen previamente as reservou. Segundo informou o Concello, “permitirase un máximo de 180 minutos de aparcamento continuado e a reserva só se poderá realizar dende unha distancia límite de 2 quilómetros á devandita avenida de Barcelona”.
A aplicación pode descargarse gratuitamente tanto para iOS como para Android.

PUBLICIDADE