A compañía Line anunciou estes días o lanzamento dunha aplicación de balde para chamadas en grupo de ata 200 participantes. A ferramenta, deseñada de maneira específica para dispositivos intelixentes, chámase Popcorn Buzz e, segundo engade Line, abre a marxe para obtermos unha cifra de participantes (amigos, familiares, compañeiros de clase, traballadores da nosa empresa) nas nosas comunicacións nunca vista ata o de agora. “Popcorn Buzz”, explican os responsables do seu desenvolvemento, “é unha alternativa perfecta para os sistemas de chamadas multitudinarias no ámbito empresarial e, ademais, axústase tanto ao uso persoal como ao profesional”.
Para tirar partido de Popcorn Buzz, dispoñible polo de agora para Android, temos que introducir o noso nome de usuario e subirmos unha foto de perfil. Despois, podemos xerar e enviar unha URL (diferente en cada chamada) ou ben por correo electrónico, por mensaxe de texto ou por calquera outro medio de comunicación que elixamos, podendo así empezar a chamada en grupo. Ademais, aos usuarios que xa teñan conta en Line permíteselles iniciar sesión en Popcorn Buzz coa súa conta previa, “sincronizando de forma inmediata a súa listaxe de amizades e podendo realizar chamadas en grupo cos seus contactos de Line”.
Popcorn Buzz estará dispoñible en breve para iPhone, e incorporará novas características, tales como grupos de vídeo chamadas ou interacción con outros grupos de Line. Pódense realizar chamadas a través de Wi-Fi e da rede 3G e 4G.
Popcorn Buzz, aplicación de balde para chamadas en grupos de ata 200
Compartir Este Artigo

