Esta maña o presidente da Xunta de Galicia visitou o CEIP Plurilingüe San Marcos de Abegondo, onde está a implantarse o proxecto Abalar, de aí que Núñez Feijoo aproveitase a ocasión para destacar a implicación e o esforzo dos docentes, os alumnos e das empresas tecnolóxicas por “modernizar a educación pública galega”.
O proxecto funciona dende o curso 2010/11 e supón unha evolución constante para transformar a aula tradicional en dixital, chegando xa a 2.300 aulas de máis de 500 centros educativos, de xeito que afecta a uns 52 mil alumnos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO.
A través de Abalar é posible “atopar 2.500 recursos educativos en sete idiomas e, nos dous vindeiros anos, o libro dixital chegará a 27.000 alumnos”, destacou o dirixente autonómico, quen asegurou tamén que máis de 23 mil docentes recibiron formación en TIC e as familias tamén se viron beneficiadas permitindo facer un mellor seguimento da actividade dos seus fillos a través da aplicación abalarMóbil.
Para a dixitalización das aulas é de grande importancia unha banda larga de calidade, reto que vai superándose paulatinamente, de xeito que actualmente xa hai preto de 250 centros con conexións de ata 100 Mbps e procurarán que outros 140 centros dispoñan de velocidades de ata 200 Mbps.
Feijoo asegurou que Abalar seguirá a avanzar, ampliando nos vindeiros cursos a plataforma eDixital, con contidos educativos dixitais de balde e accesibles sen conexión.
Feijoo salienta o esforzo conxunto para a modernización do sistema educativo público galego
Compartir Este Artigo

