O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, vén de acordar concederlle este ano o Premio Proxecto Fin de Carreira/Máster a Jesús Peón López (Pontevedra 1986), pola súa Plataforma de Identificación Biométrica en Emerxencias Sanitarias, un traballo presentado en setembro do ano pasado e que contou para a súa realización co apoio do profesor Carlos Alberto Pan Bermúdez. O proxecto consiste no desenvolvemento dunha plataforma que permite identificar aos pacientes que requiren atención sanitaria empregando sistemas biométricos. O recoñecemento será entregado na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebra este venres en Santiago.
O galardoado, que recibirá 1.000 euros e unha estatuíña conmemorativa, é enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña e desenvolve a súa actividade profesional nesta cidade.
Volvendo á propia natureza do traballo premiado polo CPEIG, sinalar que o seu óbxectivo é investigar, desenvolver e aplicar unha arquitectura de identificación biométrica (recoñecemento dun usuario mediante características físicas ou de conduta de seu), optimizando a actividade e o rendemento dunha contorna de traballo de persoal sanitario e permitindo a comunicación con outros módulos para a obtención inmediata da información precisa. O proxecto, reflicte o colexio, ten a vantaxe fundamental de ofrecer un rápido acceso aos datos dos pacientes atendidos polo persoal de saúde nas urxencias, o que redunda nunha mellor asistencia.
O estudo enmárcase nun proxecto-piloto experimental para un sistema integral de xestión de emerxencias sanitarias levado a cabo polo autor na súa estadía como bolseiro pola empresa Everis.
Respecto das diferentes fases do estudo, este artellouse nun estudo inicial das potencialidades actuais da biometría para logo abordar que tipos de biometría deberíanse empregar no proxecto. Con esta finalidade, levouse a cabo unha investigación posterior realizada sobre os sistemas (hardware e software) existentes arestora e no mercado biométrico, co fin de realizar a mellor elección para os obxectivos do proxecto.
O funcionamento da aplicación iníciase coa obtención dunhas determinadas mostras biométricas dos pacientes para proceder despois á determinación da identidade de estes e obter así a súa información asociada. Máis en detalle, empregouse un novo e orixinal escáner que xera modelos biométricos a partir da pegada dactilar xunto co patrón intravenoso dixital. Grazas a devandito escáner, conséguese axuntar o tipo de biometría máis estendido (pegada dactilar) xunto cun tipo de biometría en auxe e caracterizada pola precisión: o patrón intravenoso dixital.
A nivel tecnolóxico, a aplicación consistiu na elaboración dunha aplicación web empregando a plataforma de programación Java Enterprise Edition na súa versión 6, xunto co uso como linguaxe de programación principal de Java SE 7 e o sistema de xestión de bases de datos PostgreSQL. Para a interface web tirouse partido do framework ZK xunto con Bootstrap.
Xurado
Formaron parte do xurados os directores e decanos das escolas ou facultades: Luis Hervella, da UDC; Antonio Mosquera, da USC; e Ana Garriga, da Universidade de Vigo. Por parte do CPEIG, o secretario, Juan José González Cid; o vicepresidente, Juan Otero; e o presidente, Fernando Suárez.
O galardoado recibirá o premio o vindeiro día 26 no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, na sétima edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. O evento representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.
Jesús Peón López, premiado polo CPEIG polos seus traballos de identificación biométrica para eSaúde
Compartir Este Artigo

