O centro tecnolóxico Gradiant está a levar a cabo importantes accións para tirar abaixo atrancos e fronteiras en materia de transferencia, colaboración tecnolóxica e desenvolvemento. Froito disto foron as xuntanzas formalizadas os días pasados en Arxentina, xuntanzas nas participaron arreo os representantes de Gradiant, a primeira das cales a apertura oficial do Nodo Arxentino da Rede Europea de Empresas (EEN), unha iniciativa que centra unha boa parte dos seus esforzos en apoiar e impulsar a cooperación das PEME e dos centros tecnolóxicos en materia de Investigación e Desenvolvemento (I+D) e transferencia tecnolóxica.
Ademais, Gradiant asistiu a reunións de traballo no marco do Primeiro Brokerage Event EEN Arxentina – Sector ICT, celebrado en Bo Aires durante o 24 e 25 de xuño. Este encontro, informa o centro tecnolóxico galego, “ten como propósito reunir nun mesmo ámbito a empresas e centros de investigación do sector TIC de Arxentina e Europa para potenciar posibles colaboracións tanto a nivel comercial, como de transferencia tecnolóxica e proxectos de desenvolvemento tecnolóxico conxunto”. Durante o evento, Gradiant mantivo reunións bilaterais con empresas de Arxentina, e presentou as súas liñas de traballo e as súas actividades como centro tecnolóxico de referencia en TIC.
Gradiant volveu destas xuntanzas “con boas expectativas”, como fai saber o responsable de Desenvolvemento de Negocio Internacional, Daniel Ramos, que explica que este tipo de eventos “axúdannos a abrir novos mercados e a interactuar cara a cara con empresas arxentinas interesadas nos nosos desenvolvementos e o noso cartafol de tecnoloxías, e a experiencia foi realmente positiva”.
A EEN, conformada por máis de 4.500 expertos de internacionalización e profesionais na área tecnolóxica, fomenta roldas de negocios e xuntanzas para a conformación de cámaras de comercio, organizacións de desenvolvemento rexionais e institutos de investigación e educativos.
Gradiant amosou o potencial tecnolóxico galego ante as empresas arxentinas
Compartir Este Artigo

