
A actividade foi presentada o pasado 3 de xullo por Sonia Outón, concelleira de Xuventude, que lembrou que Tecnoverán forma parte dun programa máis amplo, Emprende VGA, que se vén desenvolvendo entre maio e xuño, pero abrangue máis accións formativas e colaborativas. En palabras da responsable de Xuventude, estamos ante “unha oportunidade única para pasar uns días distintos neste inicio de verán”. Segundo fixo saber, os rapaces que participen terán a oportunidade de aprender cuestións básicas de deseño e desenvolvemento de aplicacións e mesmo de robótica e ata poderán gozar dun concurso de deseño de empresas de base tecnolóxica.
Na presentación participaron tamén Yolanda Baños, socia do coworking DaqueQDalle, dende o que se puxo en marcha o proxecto Emprende VGA, e Diego Parajó, impulsor, xunto con Jorge Lafuente, do proxecto Anakin co que ambos pretenden levar adiante proxectos de innovación tecnolóxica na comarca. Sonia Outón rematou a súa intervención salientando a súa arela de continuar apostando pola formación e o fomento do espírito emprendedor, xa que, engadiu, “estamos convencidos de que fomentar o talento local é o mellor investimento que pode facer este e calquera outro goberno”.
Vilagarcía presenta unha cita TIC para a mocidade de 16 a 35 anos: Tecnoverán
Compartir Este Artigo

