O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) acolleu a semana pasada o encontro Inside The Lab, unha xornada de presentación de tecnoloxía na que se amosaron en detalle os resultados das diferentes liñas de investigación do edificio tecnolóxico da USC, todas elas con aplicacións nunha chea de eidos de actividade empresarial e industrial. A xornada levouse a cabo con formato de encontro de portas abertas, sen axenda e con posibilidade plena de interactuar cos investigadores e responsables dos proxectos. En total, houbo 16 demostracións, incluídas as das dúas iniciativas empresariais xurdidas do centro, Cilenis e Situm.
Entre as tecnoloxías amosadas incluíuse un sistema que é quen de converter grandes cantidades de datos numéricos en linguaxe natural. Esta tecnoloxía, como lembraremos, está a ser empregada por MeteoGalicia. Coñécese polo nome de GALiWeather e permite, máis en detalle, que os usuarios da web do servizo galego de meteoroloxía consulten de xeito comprensible as predicións meteorolóxicas para cada un dos 314 concellos galegos, facilitando a interpretación dos datos meteorolóxicos e sen precisar da redacción manual elaborada por expertos como acontece no caso da predición a curto prazo para Galicia.
Como dixemos, na xornada Inside the Lab tamén se deu conta (por parte dos responsables de cada unha das empresas) dos traballos recentes de Cilenis e Situm. A primeira, especializada en tecnoloxías de linguaxe, ten desenvolvido tecnoloxías tan avanzadas e innovadoras como un analizador de sentimentos ou conxugadores para diferentes idiomas, como o galego, o español, o portugués e o inglés. Estes últimos acubíllanse no portal de ferramentas lingüísticas Linguakit, que salienta entre outras cousas por fornecer unha morea de instrumentos tecnolóxicos para o uso e o estudo de catro linguas: galego, español, inglés e portugués.
Na cita tamén participou Situm, centrada no deseño e desenvolvemento de sistemas de localización e navegación en interiores para dispositivos intelixentes, achegando unha alternativa multisensorial para espazos onde o GPS non está operativo. En Inside the Lab amosou entre outras cousas servizos xeoposicionados de seu para o guiado de persoas en grandes superficies, para a procura de produtos e tendas en centros comerciais ou para o estudo do comportamento dos clientes nun establecemento.
Situm, como lembraremos, foi galardoada recentemente na décimo quinta edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da Universidade de Santiago, na modalidade de Base Tecnolóxica. Integran o equipo promotor Víctor Álvarez Santos, Adrián Canedo Rodríguez e Cristina Gamallo Solórzano.
O CiTIUS acolleu ata 16 demostracións tecnolóxicas en Inside the Lab
Compartir Este Artigo

