Abertal, a firma de Carballo que dirixe Manuel Pan, vén de informar de dous novos traballos de comunicación e desenvolvemento web para empresas da nosa terra. O primeiro dos traballos foi o deseño e posta en marcha da nova web de Códice, que é unha empresa da Coruña adicada á encadernación artesanal e especializada nas publicacións en formato de luxo. “Con esta páxina”, sinalan dende Abertal, “o que se pretende foi establecer unha nova canle de comercialización dos produtos e servizos de Códice, tanto para promocionalos a nivel local como para iniciar a a súa comercialización a través da Rede”.
Un dos obxectivos da plataforma web da empresa de encadernación foi o de fornecer “un servizo personalizado” para os usuarios da Internet, un reto complicado, sinala Abertal, para o que se botou man do desenvolvemento de diversos formularios a través dos que se pode realizar un proxecto totalmente personalizado, calcular un orzamento a medida e mesmo realizar o pedido en liña. A proposta compleméntase cunha tenda online dende a que se distribúen todo tipo produtos relacionados de papelería como selos, cartafoles, etc.
O outro dos traballos dos que damos conta foi o impulso web e posicionamento local de Necos Moda Infantil, unha tenda do sector téxtil que Abertal está a levar ao ámbito das actividades de captación en redes sociais, á procura de máis e mellor visibilidade en buscadores e (probablemente) ao eido do comercio electrónico. “Neste proxecto”, explican dende a firma de Carballo, “séntanse as bases tecnolóxicas para que este pequeno e especializado comercio poida dentro duns meses analizar se está preparado para dar un paso definitivo á venda en liña”. Polo de agora, o que si se puxo en marcha foi unha “coidada presencia web”, sinala Abertal, cun outlet na plataforma Prestashop. Logo iniciarase unha campaña na Rede dirixida ao cliente de proximidade.
Abertal impulsa a comunicación en liña de Códice e Necos Moda Infantil
Compartir Este Artigo

