Os responsables de Taquilla.com, comparador en liña de prezos de entradas, veñen de lanzar unha nova aplicación de seu para Android que garante a quen a descargue e lle tire partido “os prezos máis baratos do mercado”. A app dispón dun planificador de lecer que en só tres pasos (“tres clics”) posibilita o acceso ás citas culturais, turísticas ou de ocio máis e mellor acaidas aos nosos gustos. Nun plano máis concreto, axúdanos a atopar o que máis se adapte aos nosos intereses na nosa vila ou cidade ou no lugar no que esteamos de vacacións. Como promoción, os membros da comunidade poderán gañar entradas de balde.
A aplicación, sinalan os seus creadores, é quen de adquirir coñecemento sobre aquilo polo que devecemos (ou non). Así, canto máis lle tiremos proveito, máis aprenderá o sistema sobre as nosas preferencias e máis e mellor poderá recomendar ofertas exclusivas e personalizadas. Trala ferramenta, dándolle apoio e cobertura, atópase a plataforma Taquilla.com, un servizo web que en pouco máis dun ano de vida foi quen de converterse, en palabras dos seus desenvolvedores, “no comparador de entradas líder do mercado estatal con máis de 40.000 artistas, obras de teatro, grupos e uns 15.000 recintos, incluídos parques de atraccións e parques acuáticos”. Conta ademais con máis de 1.000.000 eventos rexistrados.
Taquilla.com lanza para Android unha completa aplicación de procura de lecer
Compartir Este Artigo

