Dende o pasado mes de marzo Microsoft está a probar unha versión preliminar do seu Office para Mac, e finalmente hoxe fixo oficial tal produto, de xeito que Office 2016 para Mac xa está dispoñible como produto oficial en 139 países e 16 idiomas, ofrecéndose en primicia aos clientes de Office 365.
Esta nova versión de Office está considerada como a primeira entrega para OS X que estaría á altura da versión para Windows, non só por chegar ao mercado no mesmo ano, senón tamén polas prestacións que achega, sen limitarse a clonar a versión do sistema operativo de Microsoft, senón que tamén inclúe elementos deseñados especificamente para Mac.
O novo Office 2016 para Mac resultará moi familiar para os usuarios que xa empreguen Office no PC ou no iPad, tirando proveito da súa interface gráfica, pero engadindo funcionalidades como a vista en pantalla completa, os xestos multi-táctiles ou o aproveitamento das pantallas Retina, funcionalidades que converten esta versión de Office nun software que será moi ben recibido polos maqueiros. Entre as grandes vantaxes desta nova suite ofimática estará tanto a integración na nube desta solución como a grande compatibilidade de formatos coa que conta o novo Office, que fai que os mesmos documentos poidan visualizarse e editarse sen problema en PC, Mac, tablets, smartphones e vía web, sen estragar o formato cada vez que traballamos cun documento dende distintos equipos e dispositivos como podía acontecer no pasado.
Os usuarios que non estean subscritos a Office 365 e queiran gozar de Office 2016 para Mac mediante unha licenza tradicional deberán agardar ao mes de setembro, que serán cando se poña á venda o lote de aplicacións baixo ese modelo de negocio chamado a desaparecer a longo prazo.
Vídeo de presentación de Office 2016 para Mac
Office 2016 para Mac xa está dispoñible para subscritores de Office 365
Compartir Este Artigo

