MeigaLabs, o estudo de videoxogos ourensán do que saíron xa produtos tan interesantes (e retranqueiros) como Alcalde Corrupto, xa ten nova achega para dispositivos en proceso de lanzamento, e de novo cun aquel de sorna. Trátase de El Señor de las Cajas (The Lord of the Boxes). Segundo nos contan dende MeigaLabs, no xogo encarnamos “a un meigo que sempre está en problemas”. O noso obxectivo é esnaquizar as caixas e outros obxectos para facer que o meigo en cuestión caia salvo e san no chan.
Trátase dun xogo tipo crebacabezas, polo que temos que empregar o maxín e tirar partido da nosa habilidade para conseguir salvar ao protagonista do xogo. MeigaLabs engade que cada nivel é distinto e que cada un deles propón un reto diferente. Arestora o número de niveis é de corenta, aínda que se prepara o lanzamento dunha actualización que eleva a cifra de niveis dispoñibles a sesenta. O xogo está accesible para Android na Play Store e tamén para iOS. Tamén hai un vídeo sobre El Señor de las Cajas en YouTube e máis en Twitter.
Vídeo promocional do xogo
