Dende hoxe é realidade unha solución para dispositivos móbiles agardada por moitos usuarios e temida por moitos editores de espazos en liña, pois trátase da versión 1.0 do Adblock Browser para Android e para iOS, que vén a ser o xeito que atoparon os responsables dun dos engadidos para navegadores web que permiten bloquear a molesta publicidade de moitas páxinas web para levar a súa solución a smartphones e tabletas (nos que ten que tomar a forma de navegador completo xa que os navegadores web móbiles non teñen a mesma versatilidade que os de escritorio á hora de ampliar as súas posibilidades).
Esta aplicación facilita navegar pola web empregando o popular bloqueador de anuncios Adblock Plus, e no caso da aplicación para Android precisa dunha versión do sistema operativo que parta da 2.3, mentres que a aplicación para iOS precisa de iOS 8.0 ou superior. Esta ferramenta non busca simplemente eliminar a molestia de certo tipo de anuncios, senón que no caso de dispositivos móbiles tería un grande interese bloquear eses contidos para reducir o consumo de largo de banda e incluso para reducir a carga na memoria do dispositivo. De feito, os desenvolvedores desta aplicación aseguran que poden chegar a reducir un 50% o consumo de datos de navegación web e aforrar ata un 23% da batería do dispositivo. O uso deste tipo de ferramentas tamén mellora a seguridade dos nosos dispositivos, xa que moitos anuncios agochan software malicioso e software espía, aínda que cómpre lembrar que este tipo de ferramentas tamén permiten a configuración de listaxes brancas para que engadamos a medios que consideremos seguros e aos que non queiramos prexudicar por bloquear a súa publicidade (reducindo os seus ingresos económicos).
Polo momento estamos só ante unha versión inicial deste navegador web, que espera recibir melloras progresivamente, grazas en boa medida ás achegas que vaian facendo os usuarios co uso masivo desta atractiva aplicación.
Vídeo de presentación do Adblock Browser
Android e iOS estrean un navegador web que bloquea a publicidade
Compartir Este Artigo

