A xornada Lexislación e oportunidades do uso dos drons analizou este xoves, na sede do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, o marco xurídico e outros aspectos relacionados cos vehículos aéreos non tripulados. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Vigo e os Colexios de Avogados de Ourense e Santiago impulsaron a iniciativa co apoio da empresa RKDrones e a colaboración da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.
Durante a presentación da xornada, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, defendeu “a especialización intelixente como unha estratexia clave para o futuro de Galicia”, salientando que “é preciso identificar, mediante un traballo conxunto da Administración, o tecido empresarial e os distintos axentes, as áreas de coñecemento e innovación nas que a nosa comunidade ten posibilidades de ser excelente e competitiva a escala mundial, en función tanto das súas vantaxes competitivas existentes e emerxentes, como das tendencias globais”.
Suárez Lorenzo afondou neste contexto engadindo que “a aparición de novas tecnoloxías coma os avións non tripulados supón unha nova revolución dixital nos nosos tempos. Pouco a pouco, o uso de drons no ámbito público é maior, e as posibilidades que brindan son moi amplas e poden utilizarse para beneficio de todos”.
Xunto con Suárez Lorenzo, participaron na presentación da xornada o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira, e o coordinador da mesma e subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez, quen tamén é membro da Xunta de Goberno do CPEIG. Durante a tarde, interviñeron diversos especialistas, tanto do eido privado coma do público.
Drons de Seguridade Aérea. Marco Regulador, foi a charla pronunciada por Laura López Sanz, da Axencia Estatal de Seguridade Aérea. A continuación, María Jesús Guerrero Lebrón, da Universidade Pablo Olavide falou da Responsabilidade civil dos operadores de RPA e o seu aseguramento obrigatorio. Drons para todos. Ámbitos de Aplicación, a cargo dun representante da empresa RKDrone, foi a última das conferencias. A xornada pechouse cunha mesa redonda.
Unha xornada en Compostela abordou as posibilidades que brindan os drons
Compartir Este Artigo

