Estes xoves foi presentada na Consellería de Sanidade a aplicación galega Sophos, dirixida a avaliar a actividade científica do Servizo Galego de Saúde e localizar os puntos fortes e as eivas do Servizo e, por extensión, de todo o sistema investigador de ciencias da saúde de Galicia. A ferramenta, fíxose saber, posibilitará dar forma a un mapa de coñecemento de todo este tecido, amais de compartir o seu “capital intelectual”. O software vén da man da biblioteca virtual do sistema público de saúde de Galicia, Bibliosaúde.
Nun plano máis específico e para que se entenda o seu alcance, achegará datos inmediatos sobre as publicacións dos profesionais do SERGAS, a actividade de cada hospital e servizo, as revistas nas que se editan e o seu factor de impacto, entre outras cousas.
Segundo se engadiu na presentación, Sophos resultará de utilidade para investigadores e para xestores da saúde. Aos primeiros permitiralles coñecer a calidade da súa actividade, en que revistas se expón e as redes de colaboración, e realizar unha autoavaliación co fin de amosar o nivel acadado e conseguir máis recursos. Os xestores, pola súa parte, dispoñen “dun instrumento para a planificación, o seguimento e a avaliación da investigación”, informouse na presentación, na que se engadiu que a aplicación abrangue só os artigos publicados por, polo menos, un autor vinculado a un centro de traballo da Consellería de Sanidade ou o SERGAS.
Amais do devandito, este xoves tamén se presentou na Consellaría de Sanidade a nova versión da plataforma de acceso aos recursos electrónicos de Bibliosaúde, Mergullador (Descubridor), que permite buscar ao mesmo tempo en todos os recursos desta biblioteca virtual (de balde e de subscrición) a través dunha única consulta e “seguindo o modelo de Google”, explicouse. Igualmente, fíxose saber que a nova achega de Mergullador ten máis de 15.000 usuarios rexistrados xa. Entre os seus puntos fortes engadidos atópase unha mellora importante no acceso e procura de informando, xa que agoar “xúntanse nunha única ferramenta múltiples recursos de información, pasando dunha tecnoloxía de metabuscas en tempo real a un sistema de indexación”.
Presentada a aplicación Sophos para crear un mapa de coñecemento do SERGAS
Compartir Este Artigo

