O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) vai organizar co arranque do outono unha nova actividade formativa para o ámbito do ensino, co obxectivo de permitir a todos os integrantes da comunidade escolar ser eles mesmos creadores dos seus propios programas e ferramentas. A actividade en cuestión, o evento Scratch Day, é un obradoiro no que se amosarán aos nenos, ao profesorado e ás familias os fundamentos da ferramenta Scratch, un recurso de programación con gran potencial “como medio de expresión de ideas e vehículo para o emprendemento”, sinala o CPETIG, que conta para este obradoiro coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. O evento desenvolverase o 10 de outubro.
O CPETIG quere outorgarlle a este acontecemento “un carácter familiar”, polo que se dirixe sobre todo a nenas e nenos de entre 7 e 15 anos, que acompañados dos seus pais, poderán compartir unha xornada aprendendo e gozando da informática. “A implicación e a concienciación dos pais neste ámbito”, sinala o colexio que preside Marcos Mata, “servirá de apoio para que os nenos se sintan atraidos cara a programación informática, de xeito que esta actividade organizada polo CPETIG non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar”.
Ademais, de xeito parello, levarase a cabo tamén unha acción formativa en Scratch destinada ao profesorado. Esta actividade servirá como formación presencial dentro do programa Aprendo programando incluída no Plan Proxecta, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O Scratch Day, que terá lugar no salón de convencións do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, ten como obxectivos xerais “eliminar mitos en relación á programación informática, dar a coñecer a dita contorna de programación e aprender a desenvolver videoxogos con esta ferramenta informática”, engaden os organizadores, que apuntan que esta actividade quérense divulgar, ante todo, “as posibilidades que poden ofrecer as novas tecnoloxías, especialmente en idades temperás, e contribuír así a reducir a fenda dixital”. A xornada comezará ás 9.30 horas coa benvida aos participantes. Logo, entre as 10.00 e as 10.30 horas, terán lugar as presentacións e demostracións, e xa entre as 10.30 e as 13.30 horas, levaranse a cabo os obradoiros de programación en Scratch. A xornada rematará ás 14.00 horas coa presentación dos proxectos.
Na actividade contarase coa participación das asociacións Programamos, que impartirá a formación a rapaces e pais, e Código Octopus, que contribuirá á formación ao profesorado.
Programamos é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo fundamental é promover o desenvolvemento do pensamento computacional dende a nenez través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles en todas as etapas escolares, desde educación infantil ata formación profesional. Código Octopus, pola súa banda, é unha fonte de recursos en galego para o profesorado con bases en calquera materia que se desexe introducir á programación na docencia. Conta material para aprender a programar en Scratch en Educación Primaria e Educación Secundaria e proximamente para desenvolver proxectos de S4A: Scratch for Arduino. Tras este proxecto atópase un grupo de profesorado de tecnoloxía do sistema educativo galego.
O CPETIG e AMTEGA organizan unha xornada para converter aos nenos en programadores a través de Scratch
Compartir Este Artigo

