O xornal dixital 20minutos vén de lanzar a súa nova aplicación para Android que destaca fronte a versión anterior por estar baseada no concepto Material Design de Google, o que significa que se garante unha navegación máis áxil e novas opcións de configuración que, en palabras dos responsables do xornal, “optimizan a interacción do usuario con todos os contidos de 20minutos”. O obxectivo, engaden, é “mellorar a experiencia dos lectores con dispositivos Android cunha nova versión da aplicación, que ata a data xa contaba con máis de 300.000 descargas”.
O lanzamento da app, xa dispoñible para móbil, tableta, televisións e reloxos intelixentes, atópase enmarcado na estratexia móbil que está a desenvolver 20minutos e que comezou co redeseño da súa web para móbiles en xullo do ano pasado, converténdoa nunha completa canle de “contidos optimamente integrados cos formatos publicitarios máis notorios”, explican dende o medio dixital, que engaden que grazas á nova ferramenta os lectores terán ao seu alcance funcións como o acceso a toda a información de última hora, a recepción de alertas de actualidade e interese e a posibilidade de comentar e compartir todos os contidos ademais de gardalos para lelos máis tarde, entre outras funcionalidades estreadas.
20minutos estrea aplicación baseada no Material Design de Google
Compartir Este Artigo

